A vixésimo quinta edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez chegou onte á súa fin no salón do actos do Campus Industrial de Ferrol cunha serie de reflexións sobre os retos que a sociedade ten por diante –e no presente– e a importancia de establecer e reforzar os criterios éticos na acción política e tamén na maneira de abordar novas formas de coñecemento e creación como a intelixencia artificial.
O nivel das conferencias da cita, que tocou desde diferentes puntos de vista a nova orde mundial, non defraudou e os asistentes puideron gozar das intervencións de Jesús Núñez, codirector do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria –Idecah–; Anna Caballé, responsable da Unidad de Estudios Bibliográficos da Universitat de Barcelona e especialista en Concepción Arenal; e Salvador Naya, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña. Os tres amosaron que a capacidade de análise e o compromiso ético non están rifados coa amenidade na exposición.
O ferrolán Jesús Núñez, analista de prestixio sobre conflitos internacionais, debullou un panorama escuro. Hai hoxe en día 56 conflitos armados no mundo, o número máis alto, lembrou, desde o remate da Guerra Fría, con máis de 162.000 mortos por esta causa só o ano pasado. Ademais de definir a guerra como “o fracaso da política”, cargou contra a hipocrisía actual das regras de relación flexibles dependendo de a quen se lle apliquen. Catorce sancións a Rusia por incumprir e 0 a Israel por incumprir, dixo.
Núñez foi crítico co papel da ONU, pero recalcou que mellor con ela que sen ela. Sobre o papel da Unión Europea, dixo que o seu traballo está a medio facer aínda que é o exemplo de resolución pacífica de conflitos da historia. Para el, o problema é a “falta de unión” con tendencias europeístas, atlantistas e neutrais e dúas materias problemáticas: a migración, que é necesaria, e a transición enerxética. Isto, remarcou, nun contexto de aumento do gasto militar no mundo (2,4 billóns de dólares o ano pasado) fronte a unha necesidade de prevención de conflitos e cultura da paz.
Anna Caballé, pola súa banda, manifestou a necesidade de apostar polo humanismo fronte á tecnoloxía, a falta de temor aos cambios e criticou a lectura negativa que se estaba a facer hoxe do ser humano, cun “pesimismo irracional” que goza de prestixio e presenza mediática.
Os protagonistas demostraron que o rigor e o compromiso non son incompatibles coa amenidade
“Habendo problemas, os dereitos das mulleres, dos máis febles, o respecto ao animais medra comparado co pasado”. Tamén citou a Nietzsche e a Morin cando dixo que nun mundo cada vez máis complexo a nostalzia do pasado tende a idealizado –algo que axuda a explicar o auxe da extrema dereita– e, no sentido contrario, debe facerse crítica ao pasado, pero valorando o que ten devo. Cun “sempre hai que seguir vivindo, así que eu son optimista” rematou o seu discurso.
Pechou as conferencias o catedrático Salvador Naya, que fixo un repaso pola historia da intelixencia artificial, á que se referiu como o “petróleo do século XXI”. Explicou que os algoritmos que invaden a vida toman decisións en base aos datos e que a IA é a nova industria.
Falou Naya de programas concretos, como os que, axudándose da intelixencia artificial, empregta ao Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, para a mellora dos procesos productivos e do propio estaleiro. Tamén se referiu ao conflito entre as posibilidades e a ética e avogou por unha regulación da intelixencia artificial, sempre desde a ética.
A presentación do libro “Gurméndez nun café de Delft”, de Eduardo Fra Molinero, traducido ao galego por Xosé María Dobarro, deu paso unha lectura dramatizada desta mesma obra a cargo de Maquinarias Teatro.