A historia local faise un oco nas festas con dúas citas

Este domingo estreouse o Dique da Campá como escenario e celebrouse a trixésimo terceira marcha de Brión
A historia local faise un oco nas festas con dúas citas
O Dique da Campá acolleu o espectáculo, no que a danza tradicional conversa coa contemporánea | JORGE MEIS

O programa das festas de Ferrol de onte presentou unha singularidade digna de mención pola súa repercusión histórica para a cidade. Á marxe da lista de concertos e outras propostas de lecer, algúns acontecementos memorables de séculos pasados volven cobrar vida cada ano, mentres que outras o fan por primeira vez, como é o caso de “Dique”.


Esta foi a primeira vez que se propuxo como escenario para un acto cultural o Dique da Campá de Ferrol, considerado a obra de enxeñaría hidráulica máis importante do século XIX, que ademais de ser un dos principais elementos do propio patrimonio industrial, agocha a historia de miles de antepasados locais, entre os que destaca o traballo realizado por 200 mulleres.


A compañía Nova Galega de Danza, que está dirixida polo ferrolán Jaime Pablo Díaz, estreou o pasado mes de xuño no Salón Teatro do Centro Drámático Galego, en Santiago de Compostela, unha peza que representa esta fazaña épica que ocorreu hai 150 anos no Arsenal. Pola repercusión que, en concreto, ten para as ferrolás e os ferroláns, amais de para outorgarlle unha maior dimensión histórica, a peza foi merecedora dunha estrea insólita, no mesmo escenario que agora, e xa dende hai catro anos na mente de Jaime Pablo Díaz, orixina a creación de “Dique”.


O responsable de Nova Galega de Danza púxose en contacto coa directora artística, así como de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual Marta Pazos, á que trasmitiu a intención de que o equipo estivera integrado só por mulleres. Dito e feito, esta creadora, unha das máis influentes da vangarda escénica española, apoiouse na coreografía de Belén Martí Lluch, unha das fundadoras de Mucha Muchacha que ademais traballou para a serie "La Mesías", e a música de Clara Aguilar, unha habitual do Sónar ou o Primavera Sound que este ano foi candidata ao Goya e galardoada co Premio Gaudí pola súa banda sonora.


Así mesmo, o elenco está composto por oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites. Estas protagonistas encarnan unha homenaxe ás estibadoras, dúas centenas de mulleres que retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras, que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas, que dan a 58.000 cada unha. Un traballo polo que, sendo o mesmo, cobraban menos ca os seus compañeiros homes.
Trátase dunha peza que foi coproducida pola Xunta, a través do Centro Coreográfico Galego, coincidindo no ano do 150 aniversario no que se comezou a construír o Dique da Campá.


Batalla de Brión

Por outro lado, a xornada de onte estivo protagonizada por outro evento inspirado na historia local. A Romaría Castrexa, celebrada no asentamento de Tralocastro, en Esmelle, foi un deles, que lembra un pasado anterior, aínda que non se inclúe no programa das festas. Pola contra, estas citas si que abarcaron a 33ª edición da marcha que conmemora a Batalla de Brión, que neste 2024 cumpriu 224 anos.


O evento reúne cada ano, en dous puntos diferentes, a participantes que personifican, por un lado, aos “invasores” ingleses, e por outro, aos “defensores” locais. Ambos grupos desprazáronse en comitiva até atoparse nos montes do Chá de Brión e Doniños, onde representaron a contenda na que saíron victoriosos os ferroláns.


Esta interpretación, que realmente consiste nun pequeno diálogo aberto á improvisación, rodéase dun ambiente festivo a xeito de romaría, no que os veciños e outros asistentes repoñen forzas dos percorridos, de 12 quilómetros no caso dos ingleses e de 3,5 no caso dos autóctonos, nunha comida popular nestes mesmos montes nos que se producira a nomeada batalla. Esta contextualizábase na guerra entre Inglaterra e España, aliada de Francia, e ademais de involucrar ás forzas do exército, fixo partícipes aos veciños da zona.


“Mantener una cosa en el tiempo es muy difícil”, valorou Ángeles Formoso, presidenta da AVV Castelao de Brión, que lembrou a anterior organización dos Amigos de la Batalla, que se ocupaban do evento antes de asumir o cargo a asociación veciñal nos últimos anos. Ademais da colaboración do Concello de Ferrol, que “para nosotros es muy importante que lo haga”, expresou a presidenta da entidade, os Comuneiros do Chá de Brión-Doniños son “los que nos facilitan el acceso”, posto que se ocupan de limpar o terreo e de achegar certa infraestrutura para a comida.

Batalla
A música acompañou a marcha dende a AVV Castelao de Brión | JORGE MEIS

Algúns dos participantes de onte involucráronse no encontro cunha vestimenta que pretendía emular a da época. Así, tampouco podía faltar a música tradicional, que ademais de soar na festa tamén amenizou a travesía dos “defensores”.

A historia local faise un oco nas festas con dúas citas

Te puede interesar