O IES de Catabois é un dos vinte centros educativos de Galicia que se incorporan este curso ao modelo de educación patrimonial “Ponte... nas ondas”, un proxecto nacido a mediados da década dos 90 da man da asociación cultural e pedagóxica homónima no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para estreitar os lazos entre a comunidade educativa das escolas do sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades informou onte da resolución dos centros seleccionados nesta convocatoria que espertou o interese en preto de corenta centros. Só vinte foron incluídos nesta primeira fase experimental. O instituto de Catabois é, de feito, o máis setentrional dos admitidos –só hai outro da provincia, en Muros, e ningún de Lugo–, pois a maior parte son de Pontevedra.
“Ponte... nas ondas!” foi recoñecido polas Nacións Unidas en 2022 como exemplo de boas prácticas en materia de sensibilización co patrimonio na infancia e desde a área que dirixe Román Rodríguez explícase que a idea é ir incorporando este modelo ao ensino paulatinamente.
O xefe de estudos do IES de Catabois, Xabier Doporto, valorou a inclusión do centro nesta iniciativa e adianta que as actividades botarán a andar en febreiro. A radio é, loxicamente, a cerna desta proposta. “Tiñamos no instituto unha emisora que estaba en de-suso, pero en coordinación con Radio FilispiM decidimos poñela a punto de novo para actividades coma esta”.
A decisión de presentar a súa solicitude para esta convocatoria da Consellería de Educación está motivada polo feito de que “temos unha porcentaxe do alumnado con vínculos familiares e sociais con Portugal e pensamos que era unha oportunidade poder traballar nesa liña”.
“A nosa intención”, engade Doporto, “é facer desta actividade un proxecto multidisciplinar que estea a disposición de todo o centro”, comenta antes de definilo como un “instrumento de dinamización moi útil” que, neste caso, se materializará nun podcast no que a música e os relatos do alumnado sobre os lazos coa outra beira do Miño van ser temas centrais.
O IES Catabois incorpórase así á relación doutras escolas que desde hai anos teñen participado na iniciativa. É o caso dos ferroláns Ludy e CEIP Isaac Peral, do IES Breamo de Pontedeume, do colexio público Eladia Mariño de Cabanas, do CRA O Esquío de Valdoviño e tamén do CEIP San Ramón de Moeche e do CPI San Sadurniño.