Ismael Cortizas | “O ambiente das feiras é moi distendido; eu pásoo estupendamente”

Ismael Cortizas | “O ambiente das feiras é moi distendido; eu pásoo estupendamente”
Ismael Cortizas | daniel alexandre

Logo de estudar Maxisterio e dedicarse moitos anos ao sector da empresa, principalmente no ámbito de recursos humanos e a contabilidade, Ismael Cortizas (Ferrol, 1958) conseguía hai dúas décadas, xunto á súa muller, materializar un dos proxectos que tiñan en mente desde había tempo: ter unha libraría. “Sempre nos gustou o mundo do libro e xa antes de coller esta, estiveramos mirando outros traspasos. Logo xurdiu esta oportunidade e como xa os dous tiñamos un traballo estable, decidimos lanzarnos”, conta.


Convertíase así no terceiro propietario dun establecemento inaugurado alá polo ano 1965 en Recimil, ao pé do colexio do barrio no que Cortizas naceu e se criou. Agora afronta os últimos meses nun negocio que para el foi algo vocacional.

 

En xuño xubílase e polo de agora non semella haber ninguén disposto a continualo. “É unha das clásicas de Ferrol. É unha mágoa que non siga, porque unha libraría sempre da moita vida a un barrio”, considera. Agarda con ganas a retirada da vida laboral por iso de ter tempo libre, mais recoñece que “vou botar isto de menos”, sobre todo o trato cos clientes e o enriquecedor intercambio de opinións e recomendacións. Como tamén botará en falta, sen dúbida, o seu periplo polas feiras do libro da comunidade. “Nos oito últimos anos, fixen todas as de Galicia. Nelas pásoo moi ben.

 

O ambiente é diferente, moi distendido e intercambias opinións e falas con moitos outros colegas doutras localidades. Eu pásoo estupendamente”. Chegou a facer todas a do calendario, unhas 16 ou 17, desde marzo ata finais de agosto. Esta fin de semana afronta a súa derradeira Feira do Libro en Ferrol. Irá tamén á de Santiago, Porriño, Lugo e Vilalba, e quizáis á de Vigo. Poñerá así fin a unha etapa para comezar outra na que poderá gozar das súas numerosas aficións.


“Teño moito que facer. Viaxar, pasear polo monte, a horta...Hai moito que facer, o tempo non me vai chegar”, di. Para o que sempre atopará un oco Cortizas é para gozar do pracer da lectura, do seu encontro con eses libros que tanto acariña como libreiro e como lector. 

Ismael Cortizas | “O ambiente das feiras é moi distendido; eu pásoo estupendamente”

Te puede interesar