Jaime Pablo Díaz: “Esta é a obra máis importante da enxeñaría e está en Ferrol”

O fundador de Nova Galega de Danza, que está ao cargo deste grupo, marchou de Ferrol aos 16 anos para entrar no Ballet Galego Rey de Viana e despois continuou formándose en diversos centros como a Royal Academy of Dancing
Jaime Pablo Díaz: “Esta é a obra máis importante da enxeñaría e está en Ferrol”
O artista é responsable da compañía, que fusiona danza e música de raíz galega, á vez que tradición e vangarda | CEDIDA

A compañía Nova Galega de Danza, dirixida polo ferrolán Jaime Pablo Díaz, estrea mañá “Dique” en Santiago de Compostela, unha peza que recoñece a labor das 200 mulleres que traballaron na obra de enxeñaría hidráulica máis importante do século XIX. Esta proeza material, pola que este ano cúmprese o 150 aniversario da súa construción, atópase no arsenal da cidade.


Para contar este relato sobre o Dique da Campá, a visión feminina foi fundamental, polo que a dirección escénica e dramatúrxica veu da man de Marta Pazos, unha das creadoras máis destacadas da vangarda, a nivel nacional, neste campo. Asimesmo o elenco está composto polas bailarinas Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites. “Fíxose un casting” porque “o interesante e o que me parecía lóxico era que esta historia tiña que ser contada  só por mulleres”, explica Díaz.


O director da Nova Galega de Danza descubriu o tema de como se construiu o Dique da Campá, que deu lugar á peza, no libro “Ferrol en feminino”. O texto, que detalla a fazaña das carrexadoras, foi o inicio dun proceso de documentación amplo, que continuou con varias conversas, así como a visita ao lugar dos feitos. “Foi hai 150 anos e, xa daquela, elas fixeron unha asociación para poder traballar e organizarse”, declara o bailarín, que lembrou o enorme peso que levaban estas mulleres sobre as súas cabezas, de terra e escombros, que ían retirando da obra.


Estas traballadoras eran coñecidas como as estibadoras, que durante a construción do Dique da Campá, entre 1874 e 1879, transportaron 245.000 metros cúbicos de cascallos en 11.600.000 cestos. As cifras tradúcense en que cada unha das mulleres carrexaría 58.000 destas canastras, unha labor pola que cobraban menos cartos ca os homes.


“Parecíame algo que se tiña que contar”, xa que “é a obra máis importante do mundo da enxeñaría e está en Ferrol”, xustifica o responsable da idea inicial, que viu a oportunidade de traballar, por fin, con Marta Pazos, xa que “dentro da escea, alguén que está marcando unha diferenza e que ten un peso grande, para min, era ela”, expresa Jaime Pablo Díaz, que segue o relato con que “o que ten a compañía é que aos espectáculos que presentamos sempre tratamos de darlle unha volta”.


Ademais da dirección, a coreografía foi creada por Belén Martí Lluch, unha das fundadoras de Mucha Muchacha, un grupo investigador da contemporaneidade do folclore, entre outros temas. Asimesmo, como é habitual, a música foi composta para a peza, esta vez por Clara Aguilar, unha das figuras máis destacadas do panorama catalán, que este ano foi candidata ao Goya. 

Jaime Pablo Díaz: “Esta é a obra máis importante da enxeñaría e está en Ferrol”

Te puede interesar