Jaione Camborda | “Quería explorar a capacidade da muller para concibir e dar vida”

Jaione Camborda | “Quería explorar a capacidade da muller para concibir e dar vida”
A directora donostiarra, no festival de cinema da súa cidade, no que fixo historia | Eugenio Hernández

Jaione Camborda (Donosti, 1983) conseguiu no último Festival de Cine de San Sebastián algo que ningunha outra muller conseguira nas setenta edicións anteriores: gañar a Cuncha de Ouro á mellor película. Fíxoo con “O corno”, a súa segunda longametraxe, un filme en galego ambientado a comezos dos anos 70 en Arousa e protagonizado por María, unha mariscadora que ten moita sona na illa como matrona. Un acontecemento inesperado obrígaa a fuxir e é aí onde “O corno” se transforma nunha “road movie” pola fronteira entre Galicia e Portugal, coas rutas do contrabando en pleno funcionamento.
Camborda estará hoxe en Ferrol. Os Duplex teñen preparados dous pases especiais, ás 17.30 e 20.00 horas –as entradas poden mercarse en duplexcinema.com–, coa presenza da directora e da actriz Celia Rivas. Trala primeira proxección, ademais, participará nun coloquio cos espectadores. 


“É todo moi abrumador”, comentaba onte, “porque aínda que si estabamos moi contentas coa película e queriamos ser moi ambiciosas onde colocala para que fose visible e poder chegar ao público, o feito de entrar na sección oficial de San Sebastián e na “Platform Prize” do Festival de Toronto xa era para nós un obxectivo cumprido para darlle visibilidade”. Foi cando comezaron a recibir as primeiras críticas na prensa “empezamos a voar a imaxinación, pero a Cuncha de Ouro era voar moi alto: foi unha sorpresa moi bonita”. 


O éxito chegoulle, polo tanto, na cidade na que naceu, cunha fortísima tradición cinematográfica e cun filme en galego. “Vén mostrar un pouco a miña vida, o meu entorno actual”, explica, “e ter diante á miña familia fixo dese un día moi emotivo”.

 

No centro da narrativa

Cando comezou a enfocar “O corno”, Camborda tiña claro que “quería explorar a capacidade da muller para concibir e dar vida e nese sentido, e tamén desde a miña propia experiencia, decidín póla no centro da narrativa e explorala desde aí”. O desenvolvemento do guion, engade, “levoume por diferentes achados que fixeron que tivese máis interese en que a película estivese inzada de mulleres”.


En relación co papel da muller no sector, a directora vasca lembra que o cine “é reflexo da vida e da sociedade e, polo tanto, hai moitos teitos de cristal para as mulleres”. Destaca a moitas que ao longo da historia “foron dando pasos”, di, “e eu son parte desa cadea que quere que iso cambie, pero aínda hai moitos retos por conseguir, como que se nos dea acceso a grandes orzamentos ou chegar ao 50% na repartición das axudas públicas”. 

Jaione Camborda | “Quería explorar a capacidade da muller para concibir e dar vida”

Te puede interesar