O Jazz de Ría amplía a cinco días e innova en novas perspectivas musicais

Ademais de música, o encontro ofrece distintas actividades enmarcadas na romaría do parque do río Freixeiro
O Jazz de Ría amplía a cinco días e innova en novas perspectivas musicais
Este ano toman un papel relevante as músicas mediterráneas, con tres artistas que veñen deste territorio | PIXELINPHOTO

As novas sonoridades do xénero marcan o programa deste ano do Jazz de Ría, de xeito que se pretende achegar a variedade de estilos que este abarca, por medio dalgúns dos mellores instrumentistas a nivel mundial. O encontro terá lugar do 16 ao 20 de agosto, coma sempre con entrada libre e gratuíta, en distintos espazos dos concellos de Cedeira, Narón, Neda e Valdoviño.


A idea xurdiu da unión das dúas paixóns da directora, Aitana Cuétara: o jazz e “a nosa costa”. Esta responsable relata como o evento naceu “inspirado pola Costa Ártabra e no seu día pola ría de Ferrol”, onde se realizaron os concertos dos primeiros anos, así como en Mugardos. Cuétara dá conta de que “a intención é que volvan nalgún momento a Ferrol e Mugardos, e outros concellos da Costa Ártabra que se queiran unir”, entre outros motivos porque “a nivel paisaxista e natural é unha barbaridade” e coa fin de poñer este territorio “no foco do jazz estatal”.


O encontro xa adoitaba incluír actividades complementarias á música, como os obradoiros, e o ano pasado incorporouse a romaría no parque do río Freixeiro porque “é un espazo marabilloso e nos daba pena usalo só para concertos de noite”, indica Cuétara. “O formato diúrno vennos realmente ben”, xa que “este festival está moi pensado para todas as idades”, segue a responsable. Así pois, esta localización permite pasar o día ao aire libre, con foodtrucks a disposición e tamén lugares para o pícnic, aparte das citas ininterrumpidas do programa. “É un día para pasalo en familia”, conclúe Aitana Cuétara.


Os escenarios escóllense pensando nas músicas que albergarán, xa que “hai espazos singulares, como a praia do Baleo en Valdoviño, no que non podes poñer un gran formato”, explica a directora, que tamén fala sobre o enfoque artístico que ten cada ano o festival, e neste caso propoñen “xente que fai jazz contemporáneo, con visións bastante abertas cara as músicas do mundo”, co obxectivo de derrubar os prexuízos que ten este xénero. “O jazz é unha etiqueta súper ampla e diversa”, segundo Cuétara, na que caben estilos como o flamenco, o swing ou o soul.

 

 

O Jazz de Ría amplía a cinco días e innova en novas perspectivas musicais

Te puede interesar