Rosalía de Castro (1837-1885) é aínda hoxe un referente, tanto no eido literario como feminista, a nivel incluso estatal. Por este motivo, o seu nome identifica unha infinidade de espazos como a praza do barrio ferrolán de San Xoán, que onte, mércores, acolleu un acto conmemorativo do nacemento da poeta.
Diversos membros da corporación municipal, de distintas entidades sociais e culturais, así como o presidente da Asociación de Veciños San Xoán-Bertón, Andrés Medín, participaron na lectura de poemas escritos por Rosalía de Castro, cos que se puido lembrar a vixencia do seu legado.
Ademais de devolver ao presente as súas letras, os asistentes realizaron unha ofrenda floral de caraveis rosas na base da escultura da escritora, que ocupa o centro da praza. O acto conmemorativo tamén contou con música en directo grazas á intervención dun trío de instrumentos de vento da banda municipal.
“Rosalía de Castro deixou unha pegada indeleble na literatura galega e tamén española, motivo polo que lembramos nesta xornada o nacemento da que foi a nosa poeta galega máis universal”, declarou o alcalde, José Manuel Rey Varela.