Unha serie de paneis localizados na praza de Armas, dende este venres 12 até o 14 de xullo, plasmarán as creacións de distintos graffiteiros de renome. Os protagonistas chegarán á cidade no marco da Liga Nacional desta arte urbana, que estará amenizada por David Selectah.
Na sede ferrolá da Liga Nacional de Graffiti concorrerán os artistas Sea 162, Maradie, Nauni69, Cafre, Badi Coloreando, Hide2, Moreno, Konestilo, Décima e Jacobo Palos. Mediante uns espazos con medidas de 3x4 metros como máximo, os participantes deberán realizar as súas creacións para obter as mellores valoracións do xurado.
Os concursantes comezarán as súas obras o venres, que continuarán durante toda a xornada do sábado, e rematarán, como límite, o domingo ás 11.00 horas. Despois, o xurado nomeará os tres mellores murais e realizará a entrega dos premios aos graffiteiros correspondentes.
Esta cita volverá contar, como ocorreu na pasada edición que tivo lugar en Narón no ano 2022, co coñecido DJ local David Selectah, que dará unha sesión que oscilará entre o reggae e o hip hop. Ademais do concurso, o sábado, ás 12.00 horas, tamén na praza de Armas, ofrecerase un obradoiro desta técnica artística dirixido a nenos e nenas.