A Logopedia e a Deglución é a temática que abre o ciclo das aulas temáticas destinadas ás persoas maiores que se organiza en colaboración con profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, a través da Rede Galega de Promoción da Saúde. A Asociación de Veciños de San Pablo, en Ferrol, acolle a primeira das cinco sesións que conforman esta iniciativa. A proposta dará comezo ás 12.00 horas e a entrada ao acto é libre ata completar aforo.
As logopedas da Unidade de Rehabilitación deste Servizo no Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Mónica Castro Amenedo e Paula Mariñas Berdullas, serán as encargadas de abordar todo o relacionado coa logopedia e a deglución.
Estas profesionais, como apuntan desde a Área Sanitaria de Ferrol, “procurarán sempre unha deglución segura e eficaz, sen complicacións respiratorias, deshidratación e desnutrición”. Por exemplo, as expertas valorarán cales son os síntomas básicos dos posibles problemas de deglución, como a sensación de atasque na gorxa ou esterno; tusir mentres comemos ou inmediatamente despois; dor ao tragar alimentos ou líquidos; ou voz húmida trala deglución, entre outras sensacións que serán abordadas polas logopedas.
Tamén matizarán cando é necesario acudir ao médico de Familia para obter unha valoración e, se é necesario, unha posible derivación ao ámbito axeitado. Igualmente, darán a coñecer as posturas de protección recomendadas para unha correcta deglución, co obxectivo de evitar sustos. Estas profesionais falarán tamén aos asistentes daqueles alimentos que poden provocar situacións máis graves se hai problemas de deglución, como os alimentos duros e secos, os froitos secos; os alimentos de dobres texturas como o leite con cereais ou sopa con pasta; as comidas que renxen como as galletas ou as patacas fritidas; e alimentos con pel e semente, como as uvas, por exemplificar. Ademais, farán así mesmo un pequeno obradoiro para recoñecer as distintas texturas, a néctar, líquida, pudding ou mel; e informaranlles sobre as alternativas que existen se hai un problema xa concreto de deglución, tanto cos líquidos como cos sólidos.