Os maiores de 65 converten a aula de ecoloxía urbana do Cantón nun verxel

Os maiores de 65 converten a aula de ecoloxía urbana do Cantón nun verxel
Primeira sesión do horto urbano que se leva adiante no Cantón I D.A.

As persoas maiores de 65 anos que queiran dedicar un tempo da súa vida a cultivar plantas e hortalizas teñen a oportunidade de facelo en compañía a través do horto urbano que, por segundo ano consecutivo, se leva adiante no edificio da antiga aula de ecoloxía urbana, no Cantón de Molíns. O Concello de Ferrol e a asociación Aprende a Voar impulsan este proxecto que combina a autonomía alimentaria e o consumo individual e familiar coa concienciación sobre a sustentabilidade, a educación ambiental e o benestar social.


O alcalde, José Manuel Rey, xunto coa concelleira Rosa Martínez e Alejandro Permuy (de Aprendo a Voar) participaron na sesión inaugural deste curso. As sesións desenvolveranse os martes e xoves, de catro a seis da tarde, e tamén os sábados para os nenos. Ademais, os participantes poderán acceder á aula fóra destes horarios para seguir traballando nos seus proxectos, que se adaptarán así aos seus intereses. A inscrición pode facerse no teléfono 619 291 133.


“Este tipo de iniciativas representan unha estratexia moi interesante para fomentar a inclusividade, evitar a soidade non desexada e, incluso, mellorar a saúde tanto física como mental”, subliñou Rey Varela.

 

 

Que facer


Neste horto urbano, ao igual que na súa primeira edición, lévanse a cabo tarefas baixo a premisa de cumprir coa agricultura ecolóxica. A partir de aí pódese optar por diferentes plans. Os participantes poden deseñar a súa propia horta, aprender sobre técnicas de cultivo ou control de pragas e identificar as principais prantas medicinais ou aromáticas.


Ademais de formación teórica haberá obradoiros específicos nos que se poderá elaborar cosmética caseira, crear un xardín vertical ou incluso un hotel de insectos (para a polinización ou o control de pragas por métodos naturais).

Os maiores de 65 converten a aula de ecoloxía urbana do Cantón nun verxel

Te puede interesar