O Concello de Ferrol destina máis de 300.000 euros para becas de comedor e axudas á escolarización

A Concellería de Política Social vén de presentar as bases para que os grupos aporten melloras
O Concello de Ferrol destina máis de 300.000 euros para becas de comedor e axudas á escolarización
A área municipal de Política Social presentou nas últimas horas a proposta

A concelleira de Política Social e Inclusión no Concello de Ferrol, Rosa Martínez, presentou onte na comisión da área as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de prestacións de carácter asistencial para axudas á escolarización e bolsas de comedor escolar para o vindeiro curso 2024-2025.


Segundo puxo de manifesto a responsable da área, “a finalidade é dar resposta ás necesidades escolares dos nenos do concello de Ferrol cuxas familias acrediten ter dificultades económicas que lles impida facer fronte aos gastos correntes propios do curso escolar”, recordou Martínez. E tamén naqueles supostos nos que os nenos e nenas formen parte de unidades familiares vítimas de violencia de xénero para as que estas bases establece requisitos de especial protección.


Desde o Consistorio precisan que poderán ser beneficiarios destas achegas os menores escolarizados nos centros de ensino (tanto públicos como concertados) da cidade que estean matriculados nos cursos referidos para cada unha das liñas de axudas e que reúnan os requisitos esixidos nestas bases. 


Ademais, os solicitantes –os proxenitores ou tutores legais– deberán cumprir unha serie de  requisitos, como estar empadroado e residir no termo municipal  de Ferrol –o de ser residente é unha das melloras presentadas polo Goberno no borrador destas bases–, como precisan. Tamén é necesario convivir cos menores para os que se solicita a axuda (no caso de custodias compartidas, só se terá en conta unha solicitude) e que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases.


A liña 1 do crédito está destinada á bolsa comedor escolar. A contía cubrirá a totalidade do custo do servizo becando tanto nos centros públicos como nos concertados. A liña 2 é para axudas de material escolar por importe de 100 euros por cada menor.


No caso de que o número de solicitudes admitidas supoña un importe superior ao total orzamentado para estas axudas, reducirase proporcionalmente a cantidade individual a conceder, sinalan desde o goberno local. A axuda farase efectiva a través dun vale do Concello de Ferrol que se entregará á familia beneficiaria polo importe total da axuda concedida en función dos menores aos que se refira.


Así mesmo, se o valor dos artigos fora inferior ao dos vales, en ningún caso o comercio reintegrará a diferencia á persoa beneficiaria da axuda, e só poderá facturarse ao Concello o importe efectivamente utilizado, é dicir, o importe dos artigos adquiridos co vale, que será dun só uso. A validez dos mesmos e o seu troco finalizará o 31 de outubro de 2024.


O Concello destinará 254.000 euros para as bolsas de comedor escolar (setembro-decembro 2024 a contía de 64.000 euros e para xaneiro-xuño do 2025, 190.000 euros); e 60.000 euros para axudas de material escolar. A concelleira de Política Social sinalou que se trata de cantidades estimativas, superiores ao gasto do curso pasado. 

O Concello de Ferrol destina máis de 300.000 euros para becas de comedor e axudas á escolarización

Te puede interesar