Maite Bustamante | “Europa está en fase de blindaxe fronte aos migrantes e iso é unha dinámica moi perigosa”

Avogada especializada en estranxeiría, fala este martes no centro cívico de Canido sobre os dereitos das persoas migrantes en España
Maite Bustamante | “Europa está en fase de blindaxe fronte aos migrantes e iso é unha dinámica  moi perigosa”
Bustamante fala este martes en Canido | cedida

Ás 19.00 horas de este martes comeza no centro cívico de Canido a charla da avogada especializada en estranxeiría e presidente de Amiga, Maite Bustamante, sobre a lexislación que entrará en vigor o ano que vén

 

A inmigración volve estar moi presente no debate público, con discursos políticos abertamente xenófobos, amplificados nas redes sociais. 

Vivimos un momento moi delicado desde dous puntos de vista; en primero lugar, desde a perspectiva das persoas migrantes porque estamos nun momento de cambios profundos non só na lexislación europea, senón tamén na nacional, co novo regulamento de estranxeiría que vai entrar en vigor en maio de 2025 e que vai traer grandes cambios con respecto á regulación actual, e non sempre cambios bos. E con respecto á poboación en xeral, tamén son momentos delicados sobre todo polos discursos de odio que se están estendendo na sociedade nos últimos tempos con respecto á poboación migrante. Están a difundirse cada vez máis prexuízos e mitos sobre migración, como que vén máis inmigración irregular ca nunca, que aquí non cabemos todos... Eses mitos que cada certo tempo rexorden e penso que agora está rexurdindo con máis forza ca nunca, e iso preocúpame, ao igual que a unha parte da poboación, e a outra, por desgraza, está deixando que calen nela estes discursos de ocio

Dese regulamento, que aspectos melloran o que hai en vigor e cales o empeoran? 
Está habendo bastantes problemas coa redacción do novo regulamento; de feito, hai moitas lagoas legais sobre as que as plataformas do terceiro sector estamos continuamente pedindo aclaracións –xa se están a emitir as primeiras circulares ao respecto–. Hai temas que non están claros. Por exemplo, dise que as persoas irregulares van poder regularizar a súa situación a partir de dous anos de permanencia en España en lugar dos tres anos que, nalgúns casos, eran antes. Aparentemente isto supón unha melloría, pero cando empezas a ler os artigos do novo regulamento non é unha mellora tan substancial ou beneficiosa como semella porque outros requisitos que se esixían son máis exhaustivos que antes. Aínda que parecen que hai requisitos dalgunhas autorizacións de residencia que melloran, outros, en cambio, son máis duros. En xeral, a valoración que facemos os avogados de estranxeiría non é boa, sobre todo porque se segue a ver o estranxeiro ou migrante como man de obra; entón, cando vén traballar en ocupacións de difícil cobertura si se abre un pouco a man, pero desde a perspectiva dos dereitos humanos seguen quedando fóra os colectivos máis vulnerables, que son persoas que levan moitísimos anos en España sen posibilidade de regularización por circunstancias e non se lles ofrece alternativa.

 

Está Europa nunha fase reaccionaria neste tema? 
Europa está en fase de blindaxe fronte aos migrantes. O que fai o novo Pacto de Migración e Asilo que vai entrar en vigor non é protexer aos solicitantes de asilo; de feito, este dereito que se consagrou en 1951 coa Convención de Xenebra e en 1966 co Pacto de Dereitos Civís e Políticos de Nova York, o que é a consagración do dereito de asilo como un dereito fundamental está a laminarse porque o que se fai é externalizar fronteiras: reforzar a seguridade nelas, pagándolle a Marrocos e Túnez moito diñeiro para que controlen a inmigración irregular, pero sen control, é dicir, sen saber se respectan os dereitos humanos. Estamos a entrar nunha dinámica moi perigosa.

 

E como pode encaixar ese mito da invasión coa realidade galega, na que a poboación mingua, envellece, con escaseza de traballadores en determinados sectores...?
É que ese discurso de que os migrantes quitan traballo todos sabemos que non é verdade. As estatísticas sinalan que hai unha serie de oficios que só se cobren con poboación inmigrante e, ademais, somos unha poboación avellentada que non só necesita que veña xente nova, que teña fillos, senón que necesitamos tamén xente que coide os nosos maiores. Cada vez vivimos máis e imos necesitar más coidados e tamén máis xente para eses coidados, pois todos sabemos que a poboación española non os quere cubrir. O discurso de que a inmigración vén restar e non sumar é falso, pero politicamente todos os grupos utilizan cando convén. Cando queres distraer a atención sobre outros problemas máis importantes, que fas? Metes medo. E falo co tema migratorio. E logo tamén hai unha selección con este tema por parte dos gobernos. Hai migrantes que molestan máis ca outros. O tema de Siria é moi significativo neste sentido: como de súpeto cae Bashar al-Ásad e o primeiro que din determinados países europeos é: Que ben! Todos os sirios que temos no noso país podemos mandalos de volta a Siria porque agora é segurísima, sen agardar a ver como vai ser esa transición, se vai ser exitosa, se vai ser un país seguro... Ou se queren voltar. Porque hai moita xente en Siria que leva moito tempo en Alemaña, en Austria, en Francia, en Reino Unido ou en España –aquí pouco máis de 16.000–... e se cadra non queren voltar. A inmigración utilízase moito politicamente.

 

Se dependera de Maite Bustamante, cal sería a primeira medida que tomaría? 
Falo a nivel persoal, aínda que coido que reflicte o pensamento da maioría dos avogados de estranxeiría do terceiro sector. A iniciativa lexislativa popular (ILP) Regularización Xa logrou reunir 700.000 sinaturas que conseguiron que chegara ao Congreso a proposta para regularizar as persoas migrantes. Estamos moi decepcionados en xeral porque o novo regulamento, en certo modo, eclipsou esa ILP que quedou parada no Congreso e que tememos que a deixen morrer. É un paradoxo porque os políticos din moito que queren loitar contra a economía sumerxida, cando o sistema actual en España está xustamente a fomentala porque estás impedindo que estas persoas traballen regularmente cotizando á Seguridade Social, contribuíndo así á riqueza do país, pero o sistema vixente non lles deixa facelo. 

Maite Bustamante | “Europa está en fase de blindaxe fronte aos migrantes e iso é unha dinámica moi perigosa”

Te puede interesar