O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, José Manuel Rey Varela, deu conta no último pleno da Maconmunidade da sinatura dun novo convenio de colaboración entre este organismo supramunicipal e a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) para desenvolver un programa de intervención e acompañamento con drogodependentes sobre os que pesan medidas xudiciais. “Consideramos fundamental poder levar a cabo con Asfedro un programa dirixido a estas persoas que se atopen en réxime pechado, en semiliberdade ou liberdade condicional, para poder ofrecerlles unha intervención especializada e integral para a súa incorporación definitiva á sociedade”, sinalou o presidente do ente supramunicipal e rexedor de Ferrol.
Explican desde a Mancomunidade que cómpre ter presente que o 70% das persoas que se atopan en prisión teñen problemas relacionados coas drogas, presentando grandes variacións entre cárceres ou centros de detención. Outros teñen medidas de suspensión de pena, liberdade vixiada ou liberdade condicional. A maioría dos países teñen establecido convenios de colaboración interinstitucional entre os servizos sanitarios dos establecementos penitenciarios e os de carácter xeral presentes na comunidade. E a Mancomunidade de Concellos da Comarca vai aportar o seu grao de area neste eido.
Neste contexto, Rey Varela avanzou que “Asfedro conta coa experiencia suficiente e cos recursos necesarios para ofrecer tratamentos alternativos e poder implementar este programa”. Esta colaboración entre a Mancomunidade e Asfedro “garante as intervencións de educación e tratamento para a saúde nos centros penitenciarios e a continuidade asistencial á hora de entrar e saír destes”, explica.
Na comarca de Ferrolterra non existe ningún recurso público ou privado que ofreza tratamentos asistenciais a drogodependentes que se atopan en prisión, en semiliberdade ou en liberdade condicional. Este programa estará coordinado co centro penal de Teixeiro e co Centro de Inserción Social (CIS) Carmela Arias y Díaz de Rábago da Coruña, así como polo Plan autonómico de drogodependencias e tamén conta co apoio do Servizo de Saúde Mental de Ferrol co fin de coordinar actuacións e dar un servizo de calidade, como precisan.
Estas actividades favorecen a continuidade terapéutica dos tratamentos de adiccións no medio penal e a motivación dos usuarios dos mesmos para cumprir as condicións para obter beneficios penitenciarios como ausencia de partes disciplinarios, adaptación ao medio penal, adhesión aos programas de tratamento, resarcimento das vítimas, entre outros.
A Mancomunidade de Concellos da Comarca contribuirá coa cantidade de 15.000 euros en concepto de colaboración para o financiamento das actividades do convenio, que se estenderá ata o 31 de decembro do 2024.