Maneiro: “Quero escribir como un home da miña idade, non volver aos 20 e facelo en liña recta”

Presenta o seu último disco este domingo no Torrente Ballester
Maneiro: “Quero escribir como un home da miña idade, non volver aos 20 e facelo en liña recta”
Maneiro, nunha imaxe promocional

“Un bonito despertar” é o título do último disco en solitario de Javi Maneiro, compositor, guitarrista e cantante de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue. Hoxe preséntao no Centro Torrente Ballester nun concerto que principia ás 19.00 horas. Nel, o músico da Pobra do Caramiñal ofrecerá un repertorio rock con temas que van “desde a miña primeira época de Jabón Blue, pasando pola carreira en solitario e deste disco enteiro”. Estará acompañado no escenario por un “elenco de músicos impresionantes”, é dicir, Manu Rey á batería, Pachi Cruz ao baixo, Iria Iglesias no teclado e polos guitarristas Rubén Cores e Fernando Calo.  

 

Como foi a presentación na Sala Capitol, logo de recuperarse do accidente que sufriu? 
Foi superespecial porque eu lle dixera a Heredeiros que, despois do que me pasou (un accidente cerebrovascular), quería volver co meu proxecto, non con eles. Todo o que pasara era como unha mensaxe que estaba tratando de descifrar e apetecíame mostrarme ante a xente para darlle as grazas con ese disco que escribira, e a verdade é que foi moi emocionante e o recibimento da xente foi incrible.

 

Cambioulle a maneira de enfocar a súa carreira musical?  
Si, totalmente. A miña forma de escribir xa viña dando un cambio antes de pasarme iso, pero agora é totalmente distinta. Apetéceme escribir coa visión dun home da miña idade, non podo retrotraerme aos 18 ou 20 anos e escribir en liña recta. Necesito saírme da autopista e ir polos camiños que van a carón do mar e contar as cousas tal e como eu as vexo.

 

Esa nova visión require tamén un ambiente máis íntimo e cercano nos directos?  
O feito de intercalar salas de concertos con teatros ou auditorios é por iso, porque realmente necesito ter a xente preto, sentirme arroupado para cantar ese tipo de canción. É sobre todo como volver empezar, e iso fai necesario sentir e notar a súa reacción.

Necesito saírme da autoposta e ir polos camipos que van a carón do mar e contar as cousas tal e como eu as vexo agora

 

Que parte do traballo de “Un bonito despertar” tiña feita antes do accidente? 
Este disco é tan especial en todo... Cando foi do 30º aniversario tiven unha charla con Heredeiros para saber o que se ía facer. Eles decidiron non sacar ningún traballo e eu díxenlles que a min si que me gustaría celebrar os meus trinta anos na música. Gustaríame sacar un disco, e facelo en galego, pois levo catro discos con Jabón Blue e tres en solitario e todos foron en castelán. Eles dixeronme: “Faino!”  E eu escribín ese disco cunha rapidez incrible porque comecei no Nadal de 2021, nos quince días de vacacións da fábrica. Empeceino a gravar en marzo e en agosto tiven o accidente. O disco xa se ía chamar así antes de todo. Foi como se algo dentro de min me estivese avisando e preparando para ese cambio que se ía dar na miña vida. A verdade é que o corpo dixo para e tiven a enorme sorte de ter unha segunda oportunidade. Ata entón estaba o personaxe Javi Maneiro, pero nesta nova etapa quedo co segundo apelido, que é o da miña nai, e esa é a miña persoa, a persoa que quero mostrar.

 

Sentiu que ese era o momento, tendo en conta a rapidez coa que compuxo o disco? 
Si, porque en ningún momento pensei: “Vou escribir un disco que fale disto”. Foi todo saíndo con naturalidade. Encerreime na casa coa guitarra e quedei realmente abraiado coa rapidez coa que saían as cancións. Foi como se saísen soas. Un mes antes diso xa escribira unha canción en galego para o colexio no que estudei, e aí foi o momento en que dixen: Carallo! Vin unha forma de escribir distinta á que tiña. De feito, pregunteilles aos Heredeiros que lles parecía que escribira un disco en galego e cando e me dixeron “Claro, fai o que queiras!” deume a tranquilidade para poñerme e saíu todo canto levaba gardando aí dentro.

Maneiro: “Quero escribir como un home da miña idade, non volver aos 20 e facelo en liña recta”

Te puede interesar