“Cinza”, a adaptación ao cómic da mítica novela “A nosa cinza”, de Xavier Alcalá, preséntase en primicia esta tarde –19.00 horas– en Metrópolis Cómics, coa presenza do seu autor, o debuxante Manel Cráneo, e de Xavier Alcalá, pai dunha criatura con máis de catro décadas de vida e perto de 90.000 exemplares vendidos.
O artefacto de Cráneo promete ser un dos de mellor factura do ecosistema editorial galego dos últimos tempos. Son 136 páxinas de banda deseñada nas que o tamén editor –o libro publícase en Demo– condensa a novela protagonizada por Xoán naquela Ferrolterra da ditadura. Pon fin así a seis anos de traballo. “Rematalo”, explica, “foi unha liberación absoluta, pero teño que dicir que o pasei moi ben durante o proceso e que Xavier foi un bo compañeiro de viaxe”.
Nese sentido, Cráneo incide en que “adaptar a novela ao cómic era unha responsabilidade”, pois “non é nada doado meterse na cabeza do autor, convertelo todo en imaxes e darlle un ritmo narrativo. Se a creatividade xa é en si mesmo un proceso de picar pedra, cando intentas crear sobre algo que xa está creado, a responsabilidade é maior”.
Esa “presión”, porén, foi acougando cando Cráneo constatou a actitude de Alcalá. “A obra é súa e el estaba permitindo que outro, neste caso eu, traballara con ela, e a realidade é que me deu liberdade absoluta”, recoñece antes de engadir que “teño traballado con outros autores e moitas veces son moi celosos das súas creacións. Xavier, pola contra, foi moi aberto e iso deume moitísima seguridade”.
Ese “pracer” co que Cráneo resume o traballo man a man con Alcalá ten máis consecuencias que a confianza mostrada polo escritor. Así, o ilustrador sinala que “o 80% dos textos do cómic son cravados do libro, pero, aínda así, podo dicir que “profanei” a obra porque metín algunhas escenas que non están na novela pero que Xavier me foi contando. Díxenlle: deámoslle un plus á novela gráfica, e el aceptou decontado”.
O feito de poder traballar co autor do libro foi, subliña Cráneo, un dos motivos polos que aceptou o proxecto, mais non o único: “É un texto realista e puiden visitar, fotografar e tocar os lugares da novela”, enumera, “pero tamén é memoria histórica, que é un tema que me gusta especialmente, porque, despois de lela, a relacionei coa xuventude dos meus pais, os anos 50 e 60, unha época que vexo como algo cercano e descoñecido ao mesmo tempo...”
Cráneo tivo claro desde o momento en que a leu que “A nosa cinza” tiña que ter un cómic porque, aínda que é un dos libros en galego máis lidos, “sabía que podía chegar ás novas xeracións, que están máis afeitas ás linguaxes visuais e audiovisuais. Con esta adaptación demóstrase”, asegura, “que obras de éxito literario poden atraer á xente moza e contribuír a recuperar público xuvenil”.
Xavier Alcalá estará tamén na presentación de hoxe, a primeira de varias que xa están previstas. O ferrolán apunta que a obra de Cráneo “é moi fidedigna” e que “fixo unha narración gráfica que está totalmente de acordo co que a novela é e, ademais, fixo ampliacións que se eu me puxese a revisar a novela –e non digo que non o vaia facer– tomaría, porque captou ideas mentres falabamos que enriquecerían a novela textual”. Polo tanto, remata, “non só non teño queixa do seu traballo, senón que me parece unha marabilla”.