Manolo González recrea a “arroutada” cinematográfica do cura Rey Soto

O autor é o coordinador do Chanfaina Lab de San Sadurniño
Manolo González recrea a “arroutada” cinematográfica do cura Rey Soto
González, o autor, coordina o Chanfaina Lab I Cedida

A sala Dzine, en San Sadurniño, acolle mañá mércores, ás 19.00 horas, a presentación do libro “O Benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto”, un traballo no que Manolo González, coordinador do Chanfaina Lab, profundiza nunha das figuras máis interesantes e curiosas da Galicia contemporánea, a do cura Antonio Rey Soto.


Aínda que a vida deste ourensán (1879-1966) dá para moito e en moi diversas facetas, pero González quixo centrarse na súa “arroutada” cinematográfica. “Agora está no esquecemento, pero a pouco que un indagase no pasado decátase de que era un personaxe superpopular, o que hoxe coñeceriamos como unha celebrity ou un influencer”, explica o autor, que, para confirmalo, achega un dato da Galiciana: “Aparece unhas 2.500 veces na prensa”, di, “e alternaba con toda a intelligentsia galega dos anos 10 e 20 do século XX”.


Pouco despois, explica Manolo González, tivo un momento de “revelación” que define como “arrebato polo cinema” que o leva a dedicarse á sétima arte durante dous ou tres anos. É entón cando fai unha película longuísima, “Un viaje a través de Galicia y Asturias”, de arredor de seis horas de duración, ou fai a primeira longa de ficción que se fixo en Galicia, “Maruxa”... Ata que, de súpeto, para. E queda alí en América ata que máis tarde regresa”. 


Os motivos desa paréntese abórdanse no libro, editado por Alvarellos, como tamén as causas desa paixón –efémera– polo cinema nun momento en que os intelectuais non lle prestaban moita atención, e menos un cura. O meu interese é xustamente ese: por que pasa de estar nos xornais a desaparecer e non voltar ata dez anos despois?”. 


Paixón polo cine

A marcha a América foi determinante na carreira cinematográfica de Rey Soto. “Cando chega a Nova York víñase de inaugurar o cine máis grande do mundo, o Capitol, con 6.000 localidades. El era moi curioso e interesábanlle todas as novidades que houbese e naquela época, 1921, aquela era unha cidade en efervescencia”. 


Para González, foi nese momento en que Rey Soto entende que “o cinema podía ser o xeito de mudar a imaxe de Galicia no mundo, que era desoladora”. Así, o cura ourensán monta unha produtora, Celta Film, en Vigo, e, relata González. “O que pasou despois aparece no libro”, apunta González.


“Un viaje a través de Galicia y Asturias” é un filme que non existe. Cando menos, non está localizado. “A película que inaugura o cinema documental foi “Nanook of the North”, que non se estreou en España ata o ano 1924; pois ben, Rey Soto vai facer cinema documental antes e a través do guion vemos que utiliza recursos de fragmentación de plano, de movementos de cámara... Moi novidosas”. 


Un "Benshi"

Pero hai máis, como adianta o título do libro. Trátase da palabra “Benshi”. “Está posta moi adrede”, comenta Manolo González. “Eu sempre digo que o cinema mudo nunca existiu: sempre había un pianista tocando ao pé do escenario, unha orquestra ou un explicador que contaba porque a maioría da xente a comezos do XX era analfabeta. En Xapón, os explicadores alcanzaron un carácter mítico, moi respectados polo público; a xente alí ía ao cine polos explicadores, polos “Benshis”, asegura. 


“En España non houbo Benshis, eran explicadores sinxelos, pero el era o que máis se parecía, con esa oratoria inflamada, barroca, avasalladora... era capaz de montar un espectáculo, con música galega de fondo: a xente ía o cine a ver a Rey Soto”. 


O cura ourensán foi, polo tanto, un personaxe “moi relevante pero moi descoñecido” ao que González quere contribuír, a través de “O Benshi de Galicia: o arrebato cinematográfico de Rey Soto”, a “poñerlle luz”. 
O acto de presentación está organizado pola Libraría Brétema e nel o autor estará acompañado pola súa propietaria, Ana Gundín. 

Manolo González recrea a “arroutada” cinematográfica do cura Rey Soto

Te puede interesar