Manuel Lara veu ao mundo en Ferrol en 1950 e, aínda que viviu –e vive– noutros lugares, os vínculos familiares e tamén laborais levárono a recuncar con certa frecuencia na cidade. Hoxe vaise producir unha desas visitas, desta volta fugaz, co gallo da presentación do libro “Ferrol: fin de trayecto” –na Central Librera da rúa Dolores ás 19.30 horas–, no que ofrece un conxunto de lembranzas sobre a cidade e a súa socioloxía entre mediados dos anos 50 e comezos da década dos 90. O volume, explica, “xorde da invitación que me fixo o editor –Ézaro– para dar continuidade a unha colección que arrincara coa obra de Susana Fortes falando de Pontevedra e Xabier Queipo de Santiago. A idea é que algúen nativo das diferentes urbes falara das súas lembranzas, inspirándonos na obra de Georges Perec Je me souviens. O que facemos é dar unhas pinceladas de lembranzas persoais que axuden a configurar o que foi a cidade nese momento”.
A traxectoria persoal e profesional de Lara encamiñouse cara ao mundo técnico e, por iso, este proxecto supón para el unha “nova maneira de enfrontarme a unha realidade, e tamén a min mesmo”, a través dos recordos. “Cando eu a coñecín de cativo, na segunda metade dos 50, Ferrol era unha cidade cuartelera que transitaba entre a Marina e algúns destacamentos do Exército. Co auxe da construción naval foi medrando e aparecen e aséntanse as clases medias, cuns momentos de esplendor porque había moito traballo e ben pagado. Foi unha época dourada que rematou coa crise da construción naval e todo o que iso arrastrou”, di, “incluído a meirande parte dos mozos que tivemos que buscar acougo noutros sitios”.
“Cada cidade é única”, asegura Manuel Lara, “e eu, como ferrolán que medrou aí, teño unha visión particular a través da miña memoria, unha visión que, por certo, o tempo vai modificando porque se vai superpoñendo á imaxe doutras cidades nas que me tocou vivir e doutras experiencias vitais. O libro é un conxunto de vivencias, unhas pinceladas sobre as que cada persoa terá unha lectura e unha impresión diferentes”.
Tamén a ten, por suposto, o propio Lara, que non dubida en atribuírlle “un dinamismo tremendo que se cadra comeza nos primeiros tempos coa dialéctica entre o estamento militar que dominaba totalmente a vila e o estamento obreiro que intentaba contrapesar dalqunha forma aquel poder”. “É”, engade, “unha cidade ilustrada, cunha carga técnica moi importante, unha cidade, como o noso Torrente Ballester deixou escrito, lóxica enclavada nunha terra máxica”.