Manuela Santalla: “Somos a herdanza de quen nos precedeu, pero témola que recobrar porque está perdida”

Vén de publicar "Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración"
Manuela Santalla: “Somos a herdanza de quen nos precedeu, pero témola que recobrar porque está perdida”
Manuela Santalla é a autora desta investigación que ve a luz na colección A Herdanza Recobrada da editora A Laverca I D. Alexandre

Manuela Santalla –Ferrol, 1958– vén de publicar na editorial A Laverca, dentro da colección A Herdanza Recobrada, “Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración”, unha investigación na que analiza a importancia que tivo este sector no período da gran transformación de Ferrol.

 

Ten estudado en múltiples publicacións este período histórico. Como xorde a idea de centrarse nos muíños? 
Levo estudando este período, coa perspectiva da historia social, dende a publicación da miña tese doutoral en 1995, pero cos anos fun vendo que o número de traballos apenas aumentou. Ademais, hai uns anos participei nun congreso internacional en Alcalá de Henares organizado pola Asociación para la Conservación y Estudio de los Molinos –ACEM– e foi isto o que me animou a facer este traballo que aborda a creación dos chamados “muíños do rei” para cubrir as necesidades de pan e biscoitos náuticos das autoridades departamentais. 

Porque naqueles anos a transformación foi radical. 
Foi un impacto decisivo. Cambiou a historia da pequena vila mariñeira de Ferrol e da súa contorna, como A Graña, e das xurisdicións señoriais e eclesiásticas que a arroupaban. Daquela eran sete provincias e nós pertenciamos á de Betanzos.

 

Que queda daquela cultura muiñeira, alén dos edificios? 
Todo o que sería a infraestrutura hidráulica, os mecanismos de trituración do gran, como moas, rodicios, etc, perdeuse porque é material que non soporta o paso do tempo se non ten unha conservación. O que si quedan son os edificios dos muíños de Lestache, de Lembeye... No libro tamén explico as tipoloxías e as diferenzas. Así, os de aceas sempre teñen un rodicio vertical, mentres que os de marés o teñen horizontal. O de Lembeye, coñecido como do Ponto, é de marés. O que si había desde o século XIV era un muíño de aceas, propiedade dos monxes do mosteiro do Couto. A toponimia quedou, pero o que sobrevive do século XVIII é de marés, é dicir, de rodicio horizontal.

 

Que papel xogou o empresariado estranxeiro nesa época? 
O século XVIII iníciase cunha nova dinastía de orixe francesa, os Borbóns, e estes, con Felipe V, comezan en 1714 a reconstrución de todo o Estado. Nesta reconstrución o espello no que se mirou foi o da cultura e a técnica francesas. A isto sumarase durante todo o XVIII os pactos de familia, a renovación desa solidariedade entre os borbóns franceses e españois que, no caso de Ferrol, se plasmará neste sector das fariñas. Os franceses tiñan unhas prerrogativas que non tiña a xente de aquí para implantar este tipo de muiñeiría. Estas obras son de propiedade privada pero subvencionadas tanto na construción, como na produción e na distribución polo Estado, pois se consideran un sector estratéxico, que daquela significaba contar con pan, biscoitos náuticos e galletas mariñeiras para alimentar tanto á poboación local que aumentara como para o comercio colonial con América no que Ferrol tiña un papel destacado.

 

De onde proviña ese cereal que se moía aquí?
No XVIII aínda estabamos nunha sociedade tardofeudal e o libre comercio é algo do XIX. Dende os séculos XVI e XVII os franceses lideraron o tráfico marítimo de gran. En Europa, onde se producía en cantidade importante e cunha calidade sobresaínte, esas subministradoras serían as actuais Ucraína e Rusia, as “terras negras”. Os franceses surtían de gran Londres, Venecia, Barcelona, Lisboa... Era importante que o trigo viñera en gran porque os cambios de temperatura e a acción de roedores e do escaravello estragaban as fariñas, así que se traía o gran para triturar nunhas moas especiais de tipo francés que non se parecían en nada ás das rutas do Belelle ou de Esmelle.

 

A experiencia da rehabilitación do muíño de Xuvia é recente, pero que destino deben ter? 
O libro sae na colección A Herdanza Recobrada, é dicir, recuperar espazos que viviron as persoas que nos antecederon. Somos herdanza, pero témola que recobrar porque está perdida. Eu non son política, pero hai unha cantidade enorme de léxico asociado aos muíños que se perde e eu quero ofrecerllo á cidadanía, aínda que é unha tarefa ardua porque abrangue mil anos e moitas veces o vocabulario da xente do común non se reflicte nos papeis. 

Manuela Santalla: “Somos a herdanza de quen nos precedeu, pero témola que recobrar porque está perdida”

Te puede interesar