Ás dúas horas da entrada dos tanques rusos en Ucraína o 24 de febreiro de 2022, Marcos Méndez (Lugo, 1976) recibía unha proposta da TVG para cubrir a guerra. “Chamei aos meus pais para dicirlles que me saíra isto, e enseguida estaba xa collendo unha mochila e desprazándome para o aeroporto para chegar canto antes”, conta.
Ao día seguinte, o xornalista freelance poñía o pe na fronteira entre Polonia e Ucraína. Estivera, na súa longa traxectoria profesional, en moitas outras zonas de conflito, mais nunca nunha contenda bélica como tal. Logo de dez meses como correspondente sobre o perigoso terreo, o pasado domingo chegaba a Madrid con moitos sentimentos encontrados entre a súa equipaxe: “Por un lado, profesionalmente é unha grande experiencia, pero persoalmente hai moita dor que vas acumulando. Todos os días estamos contando mortos, con familias que o perden todo, e iso falando dos civís. Porque logo están os militares, dun bando e doutro, porque aínda que nós contamos a guerra desde o bando do país invadido, tamén están morrendo centos de miles de rapaces e rapazas rusos que probablemente non querían estar aí e que tamén teñen as súas familias”, di.
Duros sentimentos que cómpre saber encaixar para poder desenvolver, “do mellor xeito posible”, un traballo que pasa por contar, ante situacións de gran risco, o que está a pasar e loitar así contra a desinformación. “Por iso é tan importante o noso traballo, que esteamos alí, que poidamos ver, oír e contar o que vemos e oímos, isto é fundamental”, considera.
En Ucraína deixa amigos, imaxes, olores, sons como os dos misís ou a especie de asubío que indica a proximidade das balas. Deixa tamén a unha poboación da que lle asombrou, entre outras cousas, a súa resiliencia.
“É certo que a súa historia está plagada de guerras, no seu territorio xogáronse as principais guerras mundiais. Desde 2004 levan tendo pequenas e grandes revolucións pola súa liberdade, pero aínda así é abraiante como resisten, con que forza. Están convencidos de que van gañar a guerra. Levamos case quince meses de guerra e aínda non apareceu nin unha soa contestación ao goberno de Zelenski. En Rusia sabemos que vai ser difícil que aparezan pola falta de liberdade que hai alí; en Ucraína parecería lóxico que empezaran a xurdir certos movementos de casanzo e de oposición á guerra e ao goberno, pero non os hai, están todos a unha, convencidos de que van gañar e aguantando”.
A ese país tan danado pola guerra voltará pronto o xornalista, de saír adiante o proxecto para realizar un documental na primeira liña da fronte. Está tamén a preparar un libro, cun editor galego, sobre como é o traballo dun freelance na guerra, incluíndo as crónicas sobre o terreo.
Mañá, sábado, visitará Ferrol para recibir, a partir das 12.00 horas no Jofre, o XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa en homenaxe ao cámara ferrolán asasinado por tropas estadounidenses na guerra de Irak. Méndez recibe con “moita humildade” un galardón que para el supón unha “alegría grandísima” por ser concedido polos compañeiros e compañeiras de profesión, “e iso é o que máis lle enche a un, que sexan os compañeiros os que valoren o teu traballo”, afirma.
E reclama xustiza para o caso. “Vinte anos despois, non podemos esquecer que non se fixo xustiza no asasinato dun compañeiro que estaba intentando contar o que estaba pasando. Temos que seguir pedindo ás autoridades que se faga xustiza, non podemos olvidalo. Nós, como compañeiros de José, temos que seguir reclamando xustiza tanto por el como por tantos outros. Non podemos esquecer o que pasou, foi un asasinato en toda regra. Pasou hai dúas semanas, outra vez, en Ucraína, cun compañeiro de aló ao que lle pegaron un tiro. E iso é un asasinato”.
Recoñece o xornalista que o artigo que máis ganas ten de escribir sería o da fin da guerra, “pero non ha de ser pronto”, manifesta. “Esta guerra rematará nunha mesa e negociando e o triste é que se está xogando coa vida de moita xente”, lamenta.
El seguirá atento, desde o xornalismo, para ver, oír e contar en beneficio do dereito á información a través dunha profesión que, xunto á súa desvalorización por parte da sociedade, loita tamén contra a, lamentablemente, habitual precariedade laboral.
“Estase a confundir moito o traballo do xornalista, do informador profesional, co dos opinadores, e creo que a responsabilidade de facernos valer socialmente é nosa. Ademais, desde hai varias décadas semella que a precariedade laboral é algo inherente ao noso traballo, e non podemos aceptalo e asumilo, hai que loitar contra iso e máis cando os profesionais están poñendo en risco as súas vidas”. Situación que Marcos Méndez viviu na súa propia pel na devastada Ucraína.