Marcos Méndez: "Hai guerras desde sempre e espero que sempre haxa xornalistas para contalas"

Marcos Méndez: "Hai guerras desde sempre e espero que sempre haxa xornalistas para contalas"
Marcos Méndez recibiu este sábado en Ferrol o Premio José Couso de Liberdade de Prensa I JORGE MEIS

Con cada asasinato dun profesional da información, morre tamén un anaco da liberdade de prensa. Hai vinte anos, o cámara ferrolán José Couso foi disparado por tropas estadounidenses nun ataque durante a guerra de Irak. El, como moitos outros, puxo en risco a súa vida en aras dun dereito, o da información, sobre o que, a cotío, pesan demasiados intereses e presións.


Na súa memoria celebran desde entón o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)  e o Club de Prensa de Ferrol un galardón que pon en valor o compromiso dos profesonais nesta ardua loita. O xornalista freelance Marcos Méndez (Lugo, 1976) foi, desta volta, o gañador. Con tres décadas de traxectoria xornalística ás costas, dedicou os dez últimos meses a contar, desde Ucraína, a inmensa dor dunha guerra que, como el di, comezou moito antes da invasión, en febreiro de 2022, das tropas rusas ao país. Este sábado estivo en Ferrol para recoller o premio nun acto presentado pola xornalista Marta Corral no que recoñeceu a “honra e grande responsabilidade” que para el supón que o seu nome “estea ligado, para sempre, ao de José Couso”, para cuxo caso reivindicou xustiza. “Non calaremos ata sentar nun xuízo aos que cometeron ese crime”, dixo.


Compartiu nunha amena e interesante charla no Jofre coa xornalista de Radio Ferrol Cadena Ser Rebeca Collado, algúns dos momentos vividos na que foi a súa primeira experiencia como correspondente de guerra. Marcoulle especialmente o acontecido na masacre de Bucha, non só polo desolador escenario con centos de mortos pola cidade, senón tamén pola falta de credibilidade que, desde o comezo, se lle deu a aquel terrible episodio da guerra desde fóra do país, como se todo fora unha montaxe. É por iso que cómpre loitar contra unha desinformación á que só un xornalismo profesional, comprometido e responsable pode dar resposta. É por iso tamén a importancia de que haxa profesionais dispostos a informar do que nestes complicados escenarios ocorre. “Hai guerras desde sempre e espero que sempre haxa xornalistas para contalas”, manifestou.


Falou tamén da precariedade laboral, sinalando neste sentido que “hai que facer ver á xente que a nosa é unha profesión moi bonita, pero que non se pode exercer gastando os aforros” e valorou un galardón que vén dos seus propios compañeiros de profesión.


Méndez recibiu o premio de mans da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, e do decano do CPXG, Francisco X. González Sarria. Tamén interviu no acto celebrado no Jofre o alcalde de Ferrol, quen lembrou que “é vital pelexar por ter liberdade de información”; así como outros representantes políticos como a subdelegada do Goberno, María Rivas, que lle trasladou a súa admiración a Méndez tanto pola súa valentía e capacidade de transmitir o horror da guerra; ou a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. 

 

A familia do premiado e tamén a de José Couso estiveron tamén presentes nunha xornada que daba comezo, como cada ano, cunha ofrenda floral ante a estatua das “Ás Ceibes”, no Cantón, obra do escultor Manuel Patinha. Alí, a xornalista de Diario de Ferrol Verónica Vázquez Cabeza deu lectura a un manifesto no que aludiu “á precariedade e o instrusismo” como dous males “que semellan non ter cura” para un enfermo, o xornalismo, “que resiste, parece, o que lle boten”. Aproveitou tamén para pedir respecto “ao noso traballo, para difuminar calquera intento de presión durante as xornadas frenéticas que nos agardan” na campaña electoral. 

Marcos Méndez: "Hai guerras desde sempre e espero que sempre haxa xornalistas para contalas"

Te puede interesar