O equipo de gravación do que vai ser o próximo filme de non ficción dirixido por Margarita Ledo, “Prefiro condenarme”, instalarase nas vindeiras dúas semanas na comarca de Ferrolterra para continuar cun proceso de gravación que xa fixo escala en Lugo. As bisbarras de Ferrol e do Eume serán os escenarios principais da película, que se completarán con outras localizacións como a propia cidade da Muralla, Castro de Rei, Monterroso e Santiago de Compostela.
A protagonista real, na que se inspira Ledo, é veciña da comarca e “Prefiro condenarme” conta a súa historia, que arranca na posguerra, cando unha mariscadora da ría, vítima de violencia de xénero, decide fuxir desa espiral para iniciar unha nova vida, incurrindo –segundo a lexislación franquista– nun delito.
A historia de Sagrario preséntase, explica a produtora Nós, a través de lugares reais e simbólicos. Melania Cruz, Iria Piñeiro e Mónica Camaño –quen hai pouco actuou no Jofre presentando “As damas de Ferrol”, con Teatro do Noroeste–, encarnan a Sagrario nas súas diferentes etapas vitais. Nelas, sinala a directora, Margarita Ledo, “deslízase ese real tumultuario que é a existencia da que se sitúa fóra das regras para permanecer, coma os paxaros, entre ceo e terra”.
Melania Cruz, Iria Piñeiro e Mónica Camaño encarnan a protagonista nas diferentes etapas
A gravación na comarca comeza hoxe en Perlío e proseguirá nos vindeiros días en Barallobre, en Covas e Recimil no concello de Ferrol, en Pontedeume e en Mugardos. Tamén se rodaraá, sinala a produtora, desde o interior da propia ría.
O equipo que fará a película complétase con Alberte Branco na dirección de fotografía, Olaia Ledo e Nati Juncal na produción, Sisco Lariño no son, a eumesa Eva Veiga como co-guionista, Mónica de Nut e Antón Lopo no posto de “performers” e coa compositora Carme Rodríguez.
“Prefiro condenarme” será a sétima longametraxe de Margarita Ledo, que, entre outros recoñecementos, logrou con “Nación” (2020) o premio especial á mellor dirección española que tivo a súa estrea mundial no Festival de Cinema Europeo de Sevilla 2020.