Martín Varela: “Levo moitos anos soñando con facer un espectáculo así”

Martín Varela: “Levo moitos anos soñando con facer un espectáculo así”
O ferrolán Martín Varela, que na actualidade reside en Santiago, é o director creativo de “Inventio” | vanessa rábade

A Martín Varela (Ferrol, 1996) o mundo do espectáculo fascinoulle desde ben pequeno. Aos once anos realizou a súa primeira actuación como mago ante o público. Logo virían moitas máis. Con “15 ilusións para unha noite” estreouse no grande formato para enrolarse, en 2013, no ambicioso proxecto “Manifesto”. Agora volve dar un paso adiante –“un paso de xigante”, como el mesmo recoñece–, na súa traxectoria artística e profesional como director creativo de “Inventio”, un grande espectáculo, cen por cen galego, de circo, danza, ilusionismo e música que vivirá a súa estrea en Ferrol o 30 de setembro e 1 e 2 de outubro. “É un gustazo estrear no Jofre, na casa, porque ademais tanto o teatro como o persoal que traballa alí é do mellor de Galicia”, di.


Qué supón para ti asumir a dirección creativa deste espectáculo de gran formato?

É un reto tremendo que asumo gustosamente porque levo anos e anos soñando con facer algo así. Digamos que na miña cabeza xa medio estaba o espectáculo. Estou moi contento sobre todo por poder facelo co equipo co que estou a traballar, que é un equipo con moitísima experiencia; eu son o director creativo, pero o director artístico, que é o que define toda a parte visual, é Suso Montero, que vén de cumprir 70 anos e leva vinculado á escenografía e ó deseño de vestiario tamén de producións teatrais e audiovisuiais de Galicia desde que empezou o audiovisual e o teatro galego actual. Entón sentirte arroupado por xente con tantísima experiencia tamén dá alento e sustento. Pero é verdade que é moi gustoso para min achegar esa idea inicial, esa idea do futuro, do 2094 e do camiño esquecido, e ver como grazas a todos estes profesionais vai collendo forma.


Dese equipo forman parte tamén outros dous profesionais da comarca, como o dramaturgo naronés José Luis Prieto, encargado da dramaturxia, e a ferrolá Conchi Silvent, na dirección de vestiario.

Si, así é. José Luis Prieto é un dramaturgo excelente e do que eu levo sendo admirador desde hai moitísimo tempo; xa nos coñeciamos e esta é unha oportunidade moi chula para traballar xuntos porque ademais é unha persoa coa mente moi aberta. Está facendo un traballo xa desde hai un tempo de empaparse de todas as artes que son os ingredientes desta receita, e el vai entretexendo a historia a través da linguaxe propia das disciplinas, e isto é moi bonito. Conchi Silvent, pola súa banda, é tamén unha profesional moi coñecida en Ferrol, que ademais está aportando unhas ideas xeniais; eu xa levo tamén traballando con ela bastante tempo e está aquí no proxecto.


Como xurde este espectáculo?

É un proxecto no que levamos traballando máis de dous anos. É un espectáculo que nace co obxectivo de divulgar un pouco o coñecemento sobre o Camiño de Santiago pero tamén facer unha creación artística que de maneira decidida mesture estas artes: a música, a danza, o ilusionismo e o circo. Eu levo moito tempo vinculado ao ilusionismo pero a promotora que está detrás de todo esto, Thinking Up Events, tamén ten moita experiencia en circo e os demais profesionais unha ampla experiencia na danza e na música. Foi adiante grazas aos colaboradores que temos: a Xunta, o Xacobeo, a Fundación La Caixa e Sargadelos.


O pasado 29 de marzo foi presentado en Santiago de Compostela un estrato do espectáculo e houbo quen xa o comparou, na súa esencia, coa liña do Circo do Sol...

Pois a verdade é que, dun xeito humilde, esa comparación encántame; oxalá (ri). Pero si é verdade que compartimos algo co Circo do Sol, que revolucionou a maneira de contar o circo. Conta historias a través do circo e lévanos a unhas viaxes sensoriais a través da arte do circo. Nós queremos facer unha cousa similar, obviamente non imos facer o mesmo que fai o Circo de Sol, nin moito menos, pero si que o noso punto de inspiración principal é a emoción, é contar unha historia que nos emocione, e queremos facelo a través do circo pero tamén da maxia, da danza e da música e facelo desde Galicia.


E que historia conta “Inventio”?

Neste proxecto sobre o Camiño de Santiago non queriamos imaxinar o pasado; que falamos moitas veces do pasado, como é lóxico, porque é o noso patrimonio histórico e cultural, o pasado do Camiño, pero imaxinamos o futuro. Como a nós tócanos xogar coa imaxinación, dixemos, pois veña, ímonos ao futuro total. Situámonos no ano 2094 –o último ano Xacobeo do século actual– e nun ano no que o Camiño xa non existe, e no que Galicia xa non existe. Entón movémonos nun espectáculo que si ten a danza, o circo e todo isto, pero que é como impersoal, dalgunha maneira. E ao longo do desenvolvemento do propio espectáculo, imos redescubrindo o pasado, e isto é unha carga de emoción moi forte, porque dalgunha maneira nos recoñecemos como persoas, e como se non tiveramos sentimentos de repente os recuperamos, recuperamos a emoción. E queremos chegar ao público con esa historia.


Que nos podes avanzar e que aspectos salientarías do mesmo?

Será un espectáculo de gran formato, con escenografía, con proxecccións, cunha iluminación espectacular e cunha carga visual moi potente, completamente arrebatadora ou ese é o noso obxectivo; crear un universo que visualmente sexa moi moi impactante. Pero ademais, non é só ese envoltorio, senón que eu creo que os espectadores se van poder atopar con detalles dunha sensibilidade bastante especial. Vai ser unha viaxe que sexa arrebatadora visualmente pero que tamén nos chegue ao corazón. E ese é o noso obxectivo. “Inventio” é un espectáculo para toda a familia, cun ritmo arrebatador, cuxo obxectivo é que a xente saia do teatro un pouquiño máis feliz do que entrou.

Martín Varela: “Levo moitos anos soñando con facer un espectáculo así”

Te puede interesar