Modernización sen precedentes dos centros de Ferrol, Eume e Ortegal

A Xunta impulsa obras por 16 millóns de euros para a renovación de colexios e institutos
Modernización sen precedentes   dos centros de Ferrol, Eume e Ortegal
Visita ao IES Catabois, no concello de Ferrol | Cedida

Os centros educativos de Ferrol, Eume e Ortegal están a experimentar unha gran modernización a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta de Galicia dá pulo á renovación de colexios e institutos co obxectivo de adaptalos ás novas necesidades do ensino do século XXI. O programa inclúe máis de 100 actuacións en centros destas comarcas, cun investimento total de 16 millóns de euros no período 2021/24.


Son 14 grandes obras, por importe de máis de sete millóns de euros, tres instalacións fotovoltaicas (80.000 euros) e preto de 80 actuacións de pequena e mediana envergadura (1,4 millóns). Ademais, están comprometidas xa outras oito actuacións por importe de máis de sete millóns de euros.


A obra con maior investimento é a ampliación e reforma do CPI As Mirandas de Ares, cun orzamento de máis de tres millóns. Esta actuación supón dotar o centro de espazos máis axeitados para Infantil, incluíndo unha aula especializada de psicomotricidade, así como actuacións na zona de Primaria. Para iso constrúese unha nova edificación con seis aulas de Infantil –ata o momento distribuídas en diferentes espazos– e a de psicomotricidade, cunha superficie total de 850 metros cadrados.


O programa de necesidades inclúe a reforma do inmoble xa existente, tanto no que atinxe á eficiencia enerxética como na reordenación de espazos. Deste xeito, mellórase a envolvente térmica do edificio coa instalación dun sistema de illamento e novas fiestras, entre outras melloras.

 

Case dez millóns para a cidade


A cidade de Ferrol concentra un investimento de case 10 millóns en obras, incluíndo as rehabilitacións integrais do colexio CEIP Almirante Juan de Lángara e Huarte (1,4 millóns de euros) e do instituto IES de Catabois (800.000 euros).


No caso da actuación do CEIP Juan de Lángara, as obras incluíron a reparación da cuberta do edificio mediante paneis de dobre chapa de aceiro con illante intermedio, que tamén se estendeu ao ximnasio e ao salón de actos, así como o illamento da fachada.


A rehabilitación abrangueu tamén a instalación de novas carpintarías con rotura de ponte térmica e acristalamento de dobre vidro laminado acústico, o pulido e abrillantado de pavimento interior de terrazo, o pintado de paramentos interiores e a renovación da instalación eléctrica e dotación de luminarias LED de baixo consumo e tamén dos faltos teitos do salón de actos e o ximnasio.


No caso do instituto de Catabois, aplicouse illamento térmico polo exterior tipo SATE, renovouse toda a carpintaría –229 unidades entre portas e fiestras– e instaláronse novas luminarias. Así mesmo, mudáronse os falsos teitos das aulas nos que era preciso e colocáronse novos canos e baixantes. Ademais, acometéronse obras de accesibilidade polo acceso traseiro para poder saír do edificio e chegar á pista de xogos.


A modernización dos centros educativos da cidade de Ferrol completarase coas melloras xa comprometidas para a ampliación do Centro Integrado de FP Ferrolterra (2,5 millóns de euros), a rehabilitación integral e a ampliación do CIFP Leixa (1,5 millóns), así como para diferentes melloras nos institutos IES Sofía Casanova (1,5 millóns), Ricardo Carvalho Calero (650.000 euros), Concepción Arenal e Ferrol Vello, nestes dous últimos casos con orzamento aínda por concretar. Tamén no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (700.000 euros) e en varios colexios da cidade, coa colaboración do Concello.

 

Ampliación en Pontedeume


Fóra da cidade, a intervención de maior investimento é a da ampliación da cociña e o comedor do CIFP Fraga do Eume en Pontedeume, por case 400.000 euros. Unha actuación que contribúe a reforzar as ensinanzas de Formación Profesional nun centro que é referente na familia profesional de Hostalaría e Turismo.


Esta ampliación forma parte dunha reforma máis ambiciosa que contará cunha segunda fase, destinada á remodelación de todos os talleres e cociñas de hostalaría, cun orzamento superior a 650.000 euros. Súmase, ademais ás melloras realizadas pola Xunta nos talleres do centro.


O catálogo de obras nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal complétase coa reforma da cociña comedor do Colexio CPI de Atios, en Valdoviño; coa renovación das fiestras do Colexio CEIP Francisco López Estrada, en Mañón, ou a reparación da fachada do IES Breamo (Pontedeume). Tamén coas melloras na accesibilidade dos CEIP Plurilingüe de Centieiras, en Fene; San Isidro, en Neda, e Plurilingüe Virxe do Mar, A Gándara e CPI do Feal, en Narón. 

 

Plan de nova arquitectura pedagóxica

 

A través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a renovar e modernizar os centros educativos ante as necesidades do novo ensino do século XXI, con espazos máis amplos, versátiles flexibles, e tamén multidisciplinares. Logo de completar a súa primeira fase no período 2021-2024, está a piques de iniciar a segunda no ano 2025 para chegar a un maior número de centros educativos. 

 

Esta folla de ruta trazada inclúe a construción de novos centros, ampliacións e obras de eficiencia enerxética, con actuacións como cambios de cuberta, illamento térmico das fachadas, renovación de fiestras, falsos teitos e luminarias, instalación de placas fotovoltaicas e centrais de biomasa ou melloras na accesibilidade nos centros educativos (colocación de ascensores, construción de ramplas...). 

 

Así mesmo, execútanse obras e traballos de pequena e mediana envergadura orientadas a mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos. Estes abranguen desde tarefas de pintado ata reformas de aseos, realización de pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras actuacións.

Modernización sen precedentes dos centros de Ferrol, Eume e Ortegal

Te puede interesar