O primeiro número da revista en materia de igualdade “Conversas”, que publica o Concello de Ferrol, foi presentada o venres na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial. Este volume constitúe un espazo de recoñecemento, a través de entrevistas e outros artigos, de mulleres inspiradoras polo seu traballo en distintos ámbitos.
A presentación contou co discurso, en primeiro lugar, de Elvira Miramontes, concelleira de Igualdade, que avanzou o motivo da escolla do título. O nome de “Conversas” fai referencia ao grupo de terapia homónimo da Casa da Muller, coa intención de homenaxear a súa labor.
Un dos puntos fortes do contido, que mereceu protagonismo na portada, é a entrevista realizada á que foi capitana do Baxi, Marta Gómez. A concelleira tamén destacou a colaboración da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas –AMIT– de Galicia e a importancia da labor do Centro de Acollida de Mulleres de Ferrol. Asimesmo, adiantou que o próximo número, que sairá arredor de setembro ou outubro, ofrecerase tamén nunha versión dixital na web do Concello.
A segunda intervención correspondeu á vicerreitora do Campus, Ana Ares, que manifestou a pertinencia de achegar os coñecementos e os logros no eido da investigación en idades temperás, “sobre todo porque temos moita necesidade de nenas enxeñeiras”. Esta responsable tamén concretou o exemplo dunha vivencia persoal reveladora do que aínda queda por percorrer en canto a igualdade, cando nun avión preguntaron “por megafonía se había algún médico ou algunha enfermeira”.
O último en dar a benvida a “Conversas” foi o alcalde, José Manuel Rey, que calificou a igualdade de oportunidades como “un dos grandes retos do século” e, aínda que deu conta dalgúns avances, resalou a ausencia dun carácter real e efectivo.
Este primeiro volume de “Conversas” achega diversas reportaxes que tocan aspectos diferentes dun tema transversal como é o feminismo, como por exemplo o escrito por Ana Cobo, do Centro de Información a Mulleres –CIM–, “Violencias sexuais e espazos de ocio nocturno”. Ademais, as últimas páxinas dedícanse a distintas propostas culturais que transmiten os valores nos que se basa a revista.