Nova Galega de Danza leva de balde á Coruña as súas pezas máis louvadas

A compañía, baixo a dirección do ferrolán Jaime Pablo Díaz, ofrece tres días seguidos no que se pon no centro á raíz
Nova Galega de Danza leva de balde á Coruña as súas pezas máis louvadas
Representación de “Dique” no Arsenal ferrolán, no mesmo escenario que inspirou o proxecto | JORGE MEIS

A tradición, a terra e a muller son aspectos comúns de “Leira”, “Berro” e “Dique”, as pezas mellor valoradas da traxectoria máis recente de Nova Galega de Danza.  Esta semana ábrense as inscricións para asistir a estas obras, totalmente de balde, no teatro Colón da Coruña, que ademais outorgan un especial protagonismo ao territorio ferrolán.


O bailarín local Jaime Pablo Díaz ocúpase da dirección artística da compañía, o que desencadeou no tema central de “Dique”, que recupera a historia esquecida das mulleres que traballaron na obra de enxeñaría hidráulica máis importante do século XIX. Esta construción é o Dique da Campá, que se atopa no Arsenal de Ferrol, onde precisamente tivo lugar este verán o feito inédito de albergar unha representación artística, que amais está inspirada nas orixes deste mesmo espazo.


As raíces do director suscitaron o interese por esta fazaña, sucedida entre 1874 e 1879, na que 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de entullos en total, que foron transportados en 58.000 cestos sobre as cabezas de cada unha delas. Polas características desta historia, na que as chamadas estibadoras cobraban menos ca os homes, Jaime Pablo Díaz púxose en contacto coa que sería a directora de escena de “Dique”, Marta Pazos, e apartouse do proxecto para presentar unha peza totalmente formulada por mulleres.


Este espectáculo porá fin á celebración do 20 aniversario da compañía, enmarcado nesta “Antoloxía de Nova Galega de Danza”, que achega tres pezas en días consecutivos de xeito gratuito até completar a capacidade da sala, e que conta coa colaboración da Deputación. Os interesados en retirar os convites, poden realizalo a partir deste xoves, ás 12.00 horas, na páxina web de Ataquilla.

 

Antoloxía

O teatro Colón acollerá a proposta nas xornadas do venres 17, sábado 18 e domingo 19 de xaneiro, en todos os casos ás 20.00 horas. “Leira” estreará o cartel posicionando ás mulleres e á dureza dos labores do campo no centro. Nesta produción, os corpos cargan e arrastran en crúas paisaxes de intemperie, xornada tras xornada, independentemente do tempo. Non obstante, tamén se danza entre os regos arados na terra, compartindo a celebración do traballo realizado coas mans e inmortalizando a parte máis intemporal de Galicia.


A función foi recoñecida en 2021 co premio Max ao mellor intérprete masculino de danza, Iván Villar, e quedou finalista como mellor espectáculo. A esta peza séguiralle “Berro”, na posición central, que precederá á clausura desta recompilación, por medio de “Dique”. Neste caso, o movemento representa o motor da memoria, que se interpreta como cohesionadora da sociedade. Así, os espectadores son partícipes dunha viaxe na que se interioriza a importacia de recuperar a esencia ancestral das nosas raíces

Nova Galega de Danza leva de balde á Coruña as súas pezas máis louvadas

Te puede interesar