A Área Sanitaria volve renovar os nove certificados en calidade que xa posuía

A Área Sanitaria volve renovar os nove certificados en calidade que xa posuía
Foto de grupo de todas as áreas que dispoñen de certificacións de calidade na Área Sanitaria de Ferrol |J. Meis

O total dos nove servizos da Área Sanitaria de Ferrol certificados en Calidade renovan os seus certificados conforme á UNE EN ISO 9001:2015. Nun acto esta mañá, os asistentes destacaron a importancia de seguir uns criterios de calidade e que as accións respondan a un Sistema de Xestión da Calidade organizado e estruturado para ofrecer, en último termo, o mellor servizo para a poboación desta Área.

 

Os nove servizos certificados en Calidade son: o servizo de Lavandería primeiro de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, acadouno en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións certificouse no 2007; Microbioloxía, no ano 2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; a Unidade de Formación Continuada, no ano 2017, tamén a primeira de Galicia en facelo; a Área de Hemodiálise no ano 2021, e tamén conta coa Norma UNE 179003:2013 de Xestión de riscos para a seguridade do paciente; e, por último, o Laboratorio de Anatomía Patolóxica, no ano 2022.

 

Todos eles renovaban os seus certificados este ano e representantes destes servizos recollían os documentos acreditativos esta mañá de mans da responsable da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; do director asistencial, Salvador Mariño Ageitos; do subdirector de Enfermaría, Javier, da directora de Soporte, Soledad Brage e da subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Estrella López-Pardo Pardo, nunha xuntanza para tódolos profesionais, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

 

O Sistema de Xestión de Calidade é un sistema vivo, que evoluciona en función das necesidades e circunstancias asistenciais da propia área, e certifica o compromiso da Dirección e de tódolos profesionais coa calidade. A xerente quixo “agradecer de verdade que sigades aí, traballadno pata detectar erros e mellorar”, e fixo especial mención á Unidade de Calidade. Pola súa banda a subdirectora de Humanizacion destacou igualmente o labor dos reposanbles de calidade en cada un dos servizos certificados, "porque sen ese liderado non sería posible", subliñou. E animounos a seguir sendo exemplo para outros centros e un prestixio para a institución.

 

 

 

Traballar con sistemas xestión, control sistemático e planificado

 

As entidades certificadoras emiten un certificado se os servizos ou departamentos cumpren tódolos requisitos, e tras tres anos, con diversas auditorías de mantemento durante este período, avalían novamente. Esta recertificación implica que se seguen a cumprir criterios de calidade, e a norma actual leva consigo unha análise máis ampla do servizo certificado, non só interna, se non do seu contexto externo, político, económico, social e tecnolóxico (análise PEST); e planifican en base a unha análise de debilidades e fortalezas, entre outras cuestións (análise DAFO).

 

Traballar cun sistema de xestión de calidade supón que os servizos recollen toda a información relativa ás súas tarefas, cunha análise continua das mesmas para manter as condicións desas acreditacións, con ferramentas de control sistemático e planificando moito máis as actividades.

 

Ademais, foise evolucionando, adaptándose ás distintas circunstancias acaecidas ao longo dos anos, como o paso da norma ISO 9002:1994 á normativa ISO 9001:2000; ou a adaptación de toda a sistemática de calidade establecida á estrutura derivada da creación da Área Sanitaria de Ferrol; a adaptación á ISO 9001:2008; ou, por último, a adaptación recente á ISO 9001:2015. Ademais, implantouse en Hemodiálise a norma UNE 179003:2013 de xestión de riscos para a seguridade do paciente, acadando deste xeito a certificación por ámbalas dúas normas. O Sistema de Xestión de Calidade é un sistema vivo, que evoluciona en función das necesidades e circunstancias asistenciais da propia área.

 

 

CHUF destacado en calidade, acreditación QH

 

Lembrar que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol renovaba tamén o pasado mes de novembro en Madrid a súa acreditación QH (Quality Healthcare) de Excelencia en Calidade Asistencial cunha estrela. A supervisora de Área de Calidade, Silvia López Díaz-Robles, recollía a acreditación documental deste selo, que outorga o Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) tras analizar, comprobar e validar as evidencias achegadas relacionadas coa aplicación das normas de calidade no día a día.

 

A acreditación QH é un recoñecemento a aqueles centros que, preocupados pola mellora continua da calidade, teñen decidido xestionar os seus procesos de xeito adecuado, e asumir aquelas certificacións oficiais que así o avalan. Os resultados foron de certificación "excelente", o que fai que o Comité Auditor renove a súa acreditación. É un sistema que recoñece a Excelencia na Calidade Asistencial a organizacións sanitarias que entenden a calidade como unha cultura de mellora continua, de feito, un dos requisitos é manter un sistema de calidade progresivo e continuo no tempo, así como obter e manter as certificacións necesarias para evidenciar as máximas garantías ós seus procesos.

 

A acreditación QH naceu para satisfacer a necesidade de dispor dun sistema que integre os múltiples compoñentes da calidade. Para a creación deste sistema contouse coa colaboración da Asociación Española para a Calidade (AEC); da Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA), e dun panel de expertos de distintas comunidades autónomas no eido da calidade nos servizos de saúde. Para que unha organización poida obter esta acreditación QH tivo que superar un “esixente proceso de avaliación”.

A Área Sanitaria volve renovar os nove certificados en calidade que xa posuía

Te puede interesar