Novo premio para Enfermería do CHUF

Dous dos tres galardóns a comunicacións orais no congreso de Enfermaría foron para traballos da Área Sanitaria
Novo premio para Enfermería do CHUF
Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol durante o congreso cos seus galardóns

Profesionais de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol destacaron esta fin de semana con dous dos tres premios ás comunicacións orais no Congreso da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, que se celebrou os días 8 e 9 en A Coruña. 

 

Un primeiro premio foi para un traballo sobre fraxilidade nos maiores de 70 anos na Área Sanitaria de Ferrol; e o accésit a unha actividade comunitaria, un taller de exercicio físico multicompoñente no centro de saúde de Narón. O obxectivo do traballo das especialistas Laura del Rosario, Natalia Iglesias, Paula Ramos, Tatiana Roca, Marta Torres e Laura Villar, galardoado co devandito primeiro premio, era avaliar os resultados dunha intervención formativa en profesionais de enfermería de atención primaria da Área Sanitaria de Ferrol, para a detección e abordaxe da fraxilidade en poboación de 70 ou máis anos, entendida como o deterioro da capacidade funcional acentuada co paso dos anos. 

 

Trátase dun estudo cuasiexperimental de tipo intervención educativa, 33 sesións en 11 centros de saúde (foron tres sesións de dúas horas en tódolos Servizos de Atención Primaria da Área), durante os meses de xaneiro e febreiro do 2024. Realizaron tamén unha análise de variables sociodemográficas, avaliación de coñecementos e recollida de opinión sobre ese cribado e intervencións de fraxilidade. Participaron 84 enfermeiras cunha media de seis anos de experiencia en atención primaria. Este estudo, conclúen, “achega datos preliminares para a implantación dun Programa de Fraxilidade na Área Sanitaria de Ferrol, aínda que non concluíntes, serven para trazar posibles liñas formativas para a súa aplicación práctica. Esta actividade resultou adecuada e idónea para facilitar coñecementos sobre cribado e intervención en fraxilidade aos profesionais de enfermería que participaron”, explicaban. 

 

Vivir máis anos con maior calidade de vida

 

Estas profesionais partían dunha premisa para o seu traballo, que “cada vez se viven máis anos, e o importante é que eses anos se vivan coa maior calidade de vida posible”. A fraxilidade, protagonista da súa investigación, é un preditor estrela para o risco de dependencia, caídas, ou posibles hospitalizacións, por exemplo. A clave era dar a coñecer esta cuestión ós seus compañeiros e compañeiras de Enfermaría da Área, actualizar e aportar os coñecementos sobre a fraxilidade. Facilitaron tamén as ferramentas aglutinadas en torno a esta cuestión ós seus compañeiros e compañeiras nos centros de saúde, que xa captan posibles persoas que presenten risco desa fraxilidade. 

 

A Área Sanitaria de Ferrol era a primeira que sistematizaba esta dinámica, en colaboración co departamento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e como pilotaxe previo para o posible desenvolvemento dun posible cribado a nivel autonómico. Basean a intervención en invitar ós e ás profesionais a captar ás persoas maiores de 70 anos da Área con fraxilidade, tanto de xeito oportunista, cando se acude a algunha consulta, como de xeito activo. Pásanselle durante a valoración a esas persoas os algoritmos e escalas que xa existen a este respecto, como a de Barthel, e as probas de execución tales como test de equilibrio, de velocidade da marcha, e de se levantar da cadeira. Faise tamén unha valoración do risco de caídas. Recollíanse nuns dípticos elaborados por elas todas estas cuestións, publicación e outros materiais. 

 

A partir de aí, en función do resultado do cribado, prodúcese unha “atención individualizada” a cada persoa, explican, realizando intervencións adaptadas en diferentes aspectos como, por exemplo, facilitar táboas de exercicio multicompoñente (de forza, aeróbico, e de equilibrio e flexibilidade); avaliacións da situación nutricional; revisión de medicacións; e actuando sobre o risco de caídas e a soidade non desexada, entre outros.

 

O que se busca con esta intervención é que se integre esta abordaxe na práctica diaria e se sistematicen estes indicadores, tal e como xa sucede con outros como a tensión arterial, ou o nivel de azucre, por exemplo. Exercicio multicompoñente en maiores de 70 anos en centro de saúde de Narón No que se refire ó accésit, a residente en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Eva Herrero, xunto coa súa titora Patricia Torres, tiñan como obxectivo coa actividade destacada neste encontro galego poñer en marcha iniciativas comunitarias coordinadas, con perspectiva de equidade, que axudasen a previr os graves problemas relacionados tamén coa fraxilidade. 

 

Para logralo, realizaron un taller de exercicio físico multicompoñente para atrasar o deterioro funcional promovendo un envellecemento activo e sen dependencia na poboación adulta maior de 70 anos adscrita ao Centro de Saúde de Narón. 

 

Actualmente, a autonomía galega conta cunha esperanza de vida ao nacer de 83,17 anos. Debido a que a fraxilidade é inherente ao proceso de envellecemento, e os estudos de prognóstico lanzan un aumento significativo da esperanza de vida, a prevaleza de fraxilidade crece de maneira exponencial. Por tanto, os profesionais da saúde deben detectar e intervir precozmente sobre os factores modificables que revertan ou atrasen esta deterioración funcional, converténdoos nunha prioridade de saúde pública. 

 

Así, traballaron con 18 participantes, en talleres cuxa duración foi de 8 sesións de 90 minutos cada unha, e periodicidade semanal, durante os meses de maio e xuño de 2024. Utilizouse como guía o programa de promoción de exercicio físico multicompoñente VIVIFRAIL. Previamente, definíronse os criterios de inclusión para a captación dos participantes desde as consultas de enfermería no Centro de Saúde de Narón. 

 

O cuestionario de satisfacción posterior a esta actividade obtivo unha puntuación media de 9,71 puntos.

Novo premio para Enfermería do CHUF

Te puede interesar