O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar nesta mesma semana a resolución das axudas correspondentes ao programa FO204, que se dedica a investimentos culturais do tecido asociativo. A Deputación destina a entidades sen fins de lucro un total de 297.978 euros, dos que 40.567 irán destinados a organizacións de Ferrolterra.
Entre as 90 asociacións que contempla a lista das concesións, 11 entidades están vinculadas aos municipios de Ares, Fene, Ferrol, Neda, Pontedeume e Valdoviño. As achegas, que oscilan entre os 1.500 e 14.000 euros, deberán ir destinadas á realización de investimentos durante o presente 2024. O concello de Ares conta con tres entidades beneficiarias, que son a Agrupación Instructiva de Caamouco, o Centro Cultural Outeiro e o CIRS de Cervás. En Neda é a Semente de Trasancos e en Valdoviño a SCRVV de Lago.
No territorio de Fene reciben axudas o CRD de Perlío e o Círculo Mercantil e Industrial, mentres que en Ferrol as obteñen a Asociación Cultural Artabria e a Sociedad Filarmónica Ferrolana. A asociación teatral de Pontedeume Damecuerdaqueteatro tamén está subvencionada, así como a Federación de Scouts de Galicia, co obxecto de invertir nun proxecto nas Fragas do Eume.