Oncoloxía do CHUF consegue a acreditación docente para formar residentes

Oncoloxía do CHUF consegue a acreditación docente para formar residentes
A xefa de Oncoloxía, Laura de Paz, nunha charla con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama I JORGE MEIS

A Área Sanitaria de Ferrol consegue un novo fito na súa senda de ampliar as capacidades para a docencia e incorpora o servizo de Oncoloxía, que acaba de ser acreditado polo Ministerio de Sanidade para a formación de residentes. Trátase dun recoñecemento co que contan agora 26 especialidades, con esta última acreditación, que o ano pasado obtiña Pneumoloxía.


É unha gran noticia e estamos todos os integrantes do Servizo moi contentos”, afirma a súa responsable, a oncóloga Laura de Paz Arias. “Formar a futuros profesionais é unha gran responsabilidade e implica que tes que estar aínda máis actualizado”. Supón un “revulsivo para seguir a facer moitas máis cousas” e ademais, indica, “ter xente nova no Servizo sempre é moi enriquecedor”.

 

Formar a futuros profesionais é unha gran responsabilidade e implica que tes que estar aínda máis actualizado


A acreditación outórgase porque se cumpren diferentes parámetros que teñen que ver con aspectos clínicos de hospitalización, consultas ou probas pero tamén requisitos específicamente docentes. Isto implica que haxa recursos destinados a esta área, posibilidades de formación continuada, publicacións e proxectos de investigación, así como titorías. “Este tipo de acreditacións avalan un bo facer e unha organización xa preexistente, que os propios pacientes reflicten a través da enquisa de satisfacción”, explica De Paz, que subliña como un dos puntos fortes de Oncoloxía “ter o servizo dividido por patoloxías con profesionais de referencia para cada unha delas”.

 

 

Ampliación de capacidades


A actividade docente xa existía nesta área, posto que o alumnado de sexto de Medicina fai a súa rotación e tamén os residentes nas especialidades de Medicina Interna e Farmacia. Supón, así, a partir do curso próximo, unha ampliación das súas capacidades, obtendo o máximo recoñecemento que existe no ámbito da formación especializada. Isto repercute tamén nos pacientes, explican desde a Área Sanitaria, posto que a acreditación esixe manter uns criterios de excelencia no labor asistencial e unha continua actualización por parte dos profesionais.

 

Oncoloxía atendeu en 2023 máis de 17.000 consultas e 662 ingresos


Oncoloxía conta (incluíndo consultas, hospitalización e Hospital de Día) con sete facultativos, 36 profesionais de Enfermaría e auxiliares, tres de administración e cinco celadores. No ano 2023 atenderon máis de 17.000 consultas e 662 ingresos.

 

 

Desde 1978


Na Área Sanitaria de Ferrol hai, con Oncoloxía, 26 especialidades acreditadas para a docencia, unha traxectoria que principiaron en 1978 e á que non deixan de incorporarse novos servizos. Na actualidade hai preto de 90 titores e colaboradores docentes.


Inclúense as áreas de Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Anatomía Patolóxica, Microbioloxía, Endocrinoloxía e Pneumoloxía. Tamén Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica, Familiar e Comunitaria e de Saúde Mental.


Ademais, están acreditados para impartir docencia doce centros de saúde.

Oncoloxía do CHUF consegue a acreditación docente para formar residentes

Te puede interesar