“Oxalá esta exposición sexa o xermolo do futuro Museo da Cidade de Ferrol”

“Oxalá esta exposición sexa o xermolo do futuro Museo da Cidade de Ferrol”
O grupo asesor da mostra acompañou onte ao comisario e ao coordinador local na derradeira visita guiada | jorge meis

“Ferrol: unha cidade por descubrir”. Así titula Guillermo Llorca a súa achega no catálogo da exposición “Ferrol no tempo”. Considera o profesor, historiador e escritor ferrolán que a urbe naval segue a ser moi descoñecida para moitos galegos, mesmo tamén para moitos ferroláns.
 

Porén, pode ser que agora isto mudase un pouco, polo menos no caso dos milleiros de persoas que desde o pasado novembro e ata a xornada de onte se deixaron levar polo tan ben fiado relato histórico, a través de máis dun cento de pezas únicas, orixinais e de gran valor patrimonial, que ofreceu o ambicioso proxecto impulsado pola Xunta e Afundación.
 

“Eu penso que isto nos pode devolver un pouco a dignidade colectiva, de ver o moito que temos e da nosa singularidade”, comenta Llorca. El, como coordinador local da mostra, e Manuel Gago, comisario, foron os encargados de artellar unha experiencia que pecha as súas portas cun “balance enormemente satisfactorio”.
 

O esforzo colectivo de recuperar tan importante legado patrimonial acadou un resultado magnífico. Máis alá das cifras de visitantes –con más de 6.500 persoas–, “gustaríame salientar a gran satisfacción que a nivel persoal sentín por ver o fachendosa que se sentía a xente ao ver todo este patrimonio e a propia montaxe da mostra, porque ademais penso que vai ser difícil que se volva ver unha exposición desta envergadura. Penso que temos que sentirnos orgullosos e que a xente ve que hai un patrimonio que hai que poñer en valor”, comentaba onte o historiador horas antes de iniciar a derradeira visita guiada.
 

Despedida

Desta volta, xunto a el e Gago, guiaron tamén o percorrido –que cubriu todas as prazas dispoñibles–, os demais expertos na cidade naval que formaron parte do grupo asesor de “Ferrol no tempo”: Esperanza Piñeiro de San Miguel, Carmen Porta Losada, José Antonio Rodríguez Villasante e Margarita Sánchez Yáñez. Cada un achegou a súa visión da urbe desde o ámbito de estudo no que está especializado. Unha vez máis, a cita serviu para pór de manifesto as cualidades dunha cidade “moderna, ilustrada, cun urbanismo exemplar, de onde saíron numerosos escritores, cunhas trescentas cabeceiras de prensa da máis variada tipoloxía, onde a lingua galega estivo tamén moi presente...”, enumera Llorca.
 

Unha cidade que debería ter, ao seu xuízo, un museo no que poder acubillar todas estas e outras moitas pezas que son parte da súa orixe e evolución. Llorca incide, neste sentido, na necesidade de que Ferrol conte cun Museo da Cidade. “Hai un patrimonio moi singular, de moito valor e moi variado, e esta exposición poder ser unha boa maneira de comezar o camiño. Oxalá isto sexa o xermolo do futuro Museo da Cidade que, sen dúbida, enriquecería a súa oferta de turismo cultural”.
 

Mentres isto non suceda, as variadas pezas, documentos, obxectos e demais material presente na mostra, terán que volver agora aos seus respectivos fogares, ás sedes da trintena de entidades públicas e particulares do ámbito local, autonómico e mesmo estatal, ás que Llorca quixo agradecer, unha vez máis, a súa implicación nun proxecto que chega á súa fin pero que oxalá, como di o historiador ferrolán, supoña o empurrón definitivo para ese demandado museo da cidade.

“Oxalá esta exposición sexa o xermolo do futuro Museo da Cidade de Ferrol”

Te puede interesar