O escritor mugardés Pablo J. Rañales (1999) visita a súa vila natal esta tarde para presentar a que xa é a súa terceira novela, “Os afogados”, un traballo co que vén de recibir o VII Premio Illa Nova de Narrativa, que convoca a Editorial Galaxia. Falamos con Pablo sobre as súas sensacións e os pormenores deste proxecto literario.
De que trata “Os Afogados”?
Pois narra a aparición dunha nova especie animal que xorde pouco a pouco en diferentes partes de Galicia. Sae das propias rías galegas, camiña dende o fondo do Atlántico cara as praias e cando chega á costa, queda como petrificada. Eses seres animais están feitos de sustrato mariño, do que hai no fondo das rías galegas. Pouco a pouco Galicia estará invadida por eles, cada praia, cada recuncho terá un afogado ou múltiples afogados. A trama vai sobre como a sociedade pode relacionarse con estes seres que non sabemos moi ben que fan aquí e que é o queren de nós. Vai sobre as diferentes formas de actuar da sociedade galega.
De onde xorde esa idea?
Procede do meu interese pola nosa especie e a súa relación coa natureza. Sempre tiven unha pequena obsesión en tanto que nalgún momento, no sube e baixa da marea levariamos unha sorpresa, quizais unha civilización esquecida ou en ruinas ... A todo isto sumouse unha imaxe que logo evolucionou cara estes afogados que era unha muller feita de area, que transmutou a eses afogados feitos de cunchas, algas e navallas.
Garda esta historia algunha relación coas anteriores novelas?
Non e sí. O primeiro é porque non se trata dunha continuación, non fala dos mesmos temas nucleares, pero en parte sí porque as tres novelas son xénero. As outras, en castelán, teñen unha grande parte de realismo máxico, ambientadas no mundo actual pero con elementos fantásticos mentres que esta é de ficción. Aquí temos unha ameaza, que realmente é interna, é natural porque procede da natureza, dando un xiro á ficción pero cumplindo con arquetipos como a reflexión sobre a función da ciencia na sociedade, a proxección cara o futuro. Pero o esencial, o núcelo propio da historia, é subvertir este arquetipo da ciencia ficción en tanto que esta ameaza xa non é externa, senón que é interna, xa que estamos ante un animal co que temos que dialogar e aprender a convivir.
Cando nace o seu interese pola literatura e a novela?
Creo que o meu interese pola novela nace pola importancia que ten o xénero na miña vida desde sempre. As novelas e a ficción axudan a entender o mundo, as nosas emocións, aos propios seres humanos e o que temos dentro como os amores, desamores, as amizaddes... A mín axudoume a estar mellor conmigo mesmo en todos estes campos e creo que a miña viculación coa novela coma formato xurdiu de xeito natural, foi uha viaxe de descubrimento de un mesmo. Cada novela é un reto e en grande parte o meu intese ven por aí. Ao mesmo tempo, narrar o mundo axuda a entendelo. A mín alíviame moito porque así entendo mellor o que levo dentro, as zonas escuras e as máis luminosas.
Foi un reto escribir en galego?
Comezar a escribir en galego foi un reto e tamén unha alegría porque na etapa na que comecei a escribir “Os Afogados” estaba falando e escribindo en galego no meu desempeño profesional como xornalista e tamén coas amizades. A única parcela na que non estaba o galego era a literatura e entón eu tiña claro que no meu proceso de neofalantismo, que comecei pero non completei aínda, a miña literatura tiña que evolucionar cara o galego. Era o momento e era o reto. Así podo dicir que foi unha alegría como tamén o foi o premio Illa Nova, que me axudou a quitar de enriba dúbidas e medos facendo xustiza coas miñas ambicións. Sempre estiven convencido de que a miña literatura tiña que evolucionar cara o galego.
Presenta libro na casa, que se sinte nun momento coma este?
É moi especial presentar o libro aquí porque a escritura é solitaria pero a literatura é colectiva, sobre todo porque coido que escribo para eles, esas persoas que van pola rúa e adican un minuto para dicirme que siga escribindo, pásame en Mugardos e tamén en Ares, onde resido. Isto faime estar moi agradecido con todos eles.
A presentación do libro vaise desenvolver no Casino Mugardés esta tarde (19.30 horas).