Dixestivo da Área Sanitaria de Ferrol conta cunha Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal que segue os pacientes con esta patoloxía e lles ofrece determinadas alternativas terapéuticas. Segundo o perfil do paciente e grao de afectación, óptase por unha ou por outra.
Grazas á colaboración deste Servizo con Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, neste último semestre, incorporábase unha nova técnica para os pacientes con colite ulcerosa, a Granulocitoaférese, que consiste en pór en contacto o sangue do paciente cun filtro que retén as células implicadas na inflamación asociada á enfermidade.
“É unha técnica máis sinxela que a hemodiálise convencional, polo que as Unidades de Diálise son os emprazamentos ideais para levalas a cabo, e a Enfermaría destas unidades a que a realiza e ten experiencia neste ámbito”, explica o responsable de Nefroloxía, Pablo Bouza Piñeiro.
Pola súa banda, Ana Echarri Piúdo, responsable de Dixestivo, engade que “non tódolos pacientes precisan deste sistema de aférese, só aqueles con colite ulcerosa dependente de corticoides ou refractarios a outros tratamentos. É unha ferramenta terapéutica máis que incorporamos para o control dos pacientes”, subliña. Nese senso, en xeral, acceden a esta técnica pacientes que non responden ou non poden recibir algún tipo de fármaco, ou que teñen algún risco por patoloxías asociadas, co que se engade esta fórmula de tratamento, soa ou combinada.
Para realizar esta técnica é necesario que a enfermeira canalice dúas veas, xeralmente en ambos os brazos do paciente. Por unha das veas sairá o sangue, que comezará a circular polo circuíto a través dun tubo fino ata chegar á columna ou filtro. Tras atravesar a columna, o sangue limpo volve ou retorna ao paciente a través doutro tubo fino que conecta co brazo contrario.
Esta técnica aseméllase á diálise en canto a que pode eliminar elementos tóxicos do plasma dos pacientes, pero exerce un mecanismo engadido, porque, ademais de filtrar, produce a adherencia á columna de células inflamatorias ou células da inmunidade, co que diminúe o número destas células que retornan ao torrente sanguíneo.
Todo este conxunto de cambios axuda a reducir a inflamación da mucosa do colon, porque as células da inmunidade están continuamente entrando e saíndo do torrente circulatorio á parede intestinal e viceversa, e por iso, os cambios xerados en sangue, tamén teñen un impacto na parede do tubo dixestivo.
Xa foron tratados dous pacientes con esta técnica na Área Sanitaria de Ferrol no último semestre, a primeira en xuño de 2024; e o segundo acaba de rematar os seus ciclos.
En xeral, son 10 tratamentos por paciente na Unidade de Diálise do CHUF, dous por semana en cinco semanas, podendo necesitar doses de reforzo en semanas posteriores.
Lembrar que a Enfermidade Inflamatoria Intestinal é unha enfermidade de etioloxía autoinmune do aparato dixestivo, que integra principalmente a enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa. Pode afectar a calquera parte do tracto dixestivo e ter complicacións ó longo do seu curso. Esta patoloxía pode afectar a persoas dende moi novas, e as converte en enfermos crónicos que teñen que acudir en diversas ocasións ós centros sanitarios. Ademais, pode ter outras manifestacións extraintestinais, que impliquen unha necesaria interrelación con outras especialidade médicas e cirúrxicas.
Diagnostícanse uns 30 novos casos ó ano destas patoloxías na Área Sanitaria de Ferrol.
Esta Área conta cunha Unidade específica para estas patoloxías, que era a primeira unidade galega certificada a nivel nacional, e co maior grao de excelencia. Foi unha das primeiras en se crear en Galicia e conta cun Proceso de Atención Integrada.