Os traballos que virá compartir A Pedreira na comarca son “Enredadas” e “Basal”, unha obra colectiva e outra en solitario, que se exhibirán nos dous escenarios máis emblemáticos, o teatro Jofre e o Pazo da Cultura, respectivamente. O concerto de Ferrol será o primeiro, este sábado, no que se fundirá coas voces de Martirio, Uxía e Carmen París. Por outro lado, volverá a Narón o venres 25, en ambos casos comezando ás 20.30 horas.
O Jofre é un vello coñecido desta cantautora, onde xa presentara dous discos da banda Marful e dirixira o festival Músicas Portuarias, “que durou catro anos e entre outras persoas, programamos á desaparecida Mísia”, relatou A Pedreira. Non obstante, a súa relación con esta terra vén dende que era nena, xa que “Ferrol é unha cidade que pertence á miña vida persoal e unha das que máis cariño lle teño”, explicou.
A Pedreira é o nome que identifica ao último proxecto artístico da protagonista, que engloba traballos colectivos e en solitario. “Empezou co ‘Segmento cantábrico’, que unía músicas, concepcións e versos que tiñan que ver con esta vía marítima de relacionamento tan antiga”, sinalou.
Uxía, amiga desta outra Ugía, contactou con ela, A Pedreira, para o espectáculo “Enredadas”, no que ambas colaboran con Martirio e Carmen París, amais de Sérgio Tannus e Marcos Teira ás cordas. “Misturámonos ben unhas entre outras e como nas nosas respectivas músicas tamén misturamos e fusionamos, é un espectáculo de fusión feminino”, concluíu a mariñá lucense.
“Basal”, a obra que dará a coñecer no Pazo da Cultura, que comeza coa voz da súa nai e remata coa da súa filla, “vai sobre a diversidade a varios niveis, non só de pel, de xénero ou cultural, senón tamén pensando en que todos temos a nosa capacidade e a nosa discapacidade, que hai que admiralas e respetalas”, explicou.
Neste concerto, participará a baterista local, de Santa Icía, Lorena Cachito, “que se formou entre Londres e Galiza, e vén dunha saga moi importante de músicos de Ferrol”, adiantou.
Ademais, sobre o escenario estará o recoñecido músico cubano Alejandro Vargas, que por medio dos seus alicerces no jazz “aporta certo colorido e improvisación ao espectáculo moi interesante”. O guitarrista brasileiro Mauricio Caruso completa o cuarteto que interpretará “Basal”, unha proposta que concorda co proxecto xeral da Pedreira na heteroxeneidade de estilos.
Así, no concerto caben xéneros populares urbanos, músicas galegas, rock ou jazz, entre outros. En definitiva, a peza “Basal”, segundo describiu a súa propia artífice “é un espectáculo para bailar e gozar doutro tipo de visións escénicas”, distintas ás habituais, cando menos no panorama galego.