O dinamizador musical Pepe Cunha –Ferrol, 1972– foi elixido portavoz na comarca do colectivo Queremos Galego. El é a cara visible dunha plataforma que prepara a manifestación do vindeiro domingo, unha mobilización que quere ser unha demostración de forza ante a Xunta para buscar un cambio de rumbo nas políticas sobre a lingua galega.
Fala a plataforma dos datos preocupantes que revelan o Instituto Galego de Estatística e o Consello da Cultura Galega. Por que?
Os resultados reflicten o que percibimos no día a día, o que reafirma que as medidas que había enriba da mesa do Plan de Normalización Lingüística de 2004, que pensamos que está plenamente vixente, non se foron aplicando e a Xunta, que é a principal responsable de adoptar o que podería ser entendido como discriminación positiva, non o ten feito. Agora, con datos e cunha perspectiva de anos, vemos que as medidas non funcionan e pensamos que a situación é alarmante porque xa houbo tempo dabondo: hai que reverter isto como sexa.
Que pasou entre que se aprobou por unanimidade o Plan de Normalización Lingüística e o decreto do Plurilingüismo?
As persoas que decidimos escoller e vivir en galego decatámonos de que iso do plurilingüismo foi unha cortina de fume, é dicir, agochar nunha suposta modernidade de aprender varias linguas para non apoiar o galego. O plurilingüismo reduciu aínda máis a presenza do galego e a súa obrigatoriedade no ensino. Foi unha estratexia para non pór a lingua galega no primeiro plano.
Á parte de reivindicar a vixencia do Plan de 2004, que outras medidas propoñen para reverter a situación?
O primeiro, como dis, é considerar a plena vixencia do Plan, mais tamén que se teñan en conta as entidades sociais, que haxa un calendario, que haxa recursos e que logo se avalíen os resultados e se fagan as correccións precisas. Iso é o mínimo. Hai medidas urxentes que aplicamos en varios campos: derogar o decreto do plurilingüismo e aprobar un novo que garanta o galego en todas as etapas. No que ten que ver coa cultura e o lecer, que é fundamental para o seu prestixio e o seu uso, pensamos que a TVG ten que adoptar un papel normalizador clave; que na oferta radiofónica e audiovisual aumenten as axudas (dobraxe, lexendaxe etc.), fortalecer o sistema literario e editorial e o uso do galego en calquera actividade deportiva e de lecer. É dicir, reclamamos o pleno dereito a vivir en galego, e iso inclúe actividades comerciais e económicas, unha atención nos servizos públicos en galego, que estea presente na información de quen te atende detrás dun mostrador. Unha normalización clara da lingua, en definitiva.
Persisten os prexuízos a respecto do galego ou está a producirse un cambio nese sentido?
Eu teño unha sensación agridoce. Vese que a xente responde á oferta de lecer, de música en galego, mais segue a haber estereotipos que pensabamos que estaban superados. Por exemplo, as persoas que eramos nos anos 80 castelanfalantes e decidimos mudar e ser realmente bilingües, pasamos etapas dese tipo: que se eramos dun determinado partido político, que se tiñamos unha conciencia antiespañola... Tópicos que parecían superados –e aí creo que a cultura si tivo un papel preponderante– e agora notamos un certo retroceso. O mesmo digo de situacións impensables hai anos, como que poida haber máis castelán do que xa hai na TVG, que se poida participar en faladoiros en castelán ou que non sexa necesario no funcionariado público saber galego é un retroceso absoluto. Coido que en 2004, por exemplo, non se xogaba co galego, había uns límites que agora semella que desapareceron, o que nos leva a ter que seguir loitando por rachar cos prexuízos. Iso si que me entristece. No tema persoal, a música, hai unha oferta incrible e moito castelanfalante que consome música en galego. Temos que loitar por iso, por que haxa a posibilidade de que o que mole estea en galego e que non haxa que mudar ao castelán para facer contidos que cheguen a máis xente.