Marta Peña, pedagoga e asesora de Formación Profesional, e Pilar Porta, mestra de Educación Especial e responsable da Aula Hospitalaria do CHUF, son as creadoras de “O kamishibai do hospital: Pílulas para un mundo mellor”, un proxecto que busca, a través do teatro e da narración, traballar as emocións, os valores sociais, a lingua e a creatividade artística coa rapazada das aulas hospitalarias galegas, así como visibilizar e normalizar a existencia de enfermidades que conlevan ingresos prolongados. O venres presentouse, no CIFP Paseo das Pontes da Coruña.
Como xordiu o proxecto?
A idea xorde da necesidade de crear materiais didácticos que poidan ser utilizados especialmente nas aulas hospitalarias galegas. Nestes espazos educativos tan extraordinarios, a situación de vulnerabilidade na que se atopa o alumnado pon en valor a necesidade de traballar o currículo dun xeito interdisciplinario, con recursos que capten facilmente a súa atención e se aproxime a eles na lingua nai. Ademais, “O kamishibai do hospital: Pílulas para un mundo mellor”, aborda como eixo temático o traballo sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A través desta temática conséguese empoderar o alumnado con doenzas e traballar sobre a súa autoestima, visibilizando aquel que padece, por exemplo, cardiopatías, cancro ou trastornos alimentarios con gran capacidade para aportar ideas e accións que contribúan a mellorar o mundo.
Que papel xogou a súa experiencia na historia que presentan?
As creadoras da idea e autoras deste proxecto somos dúas mulleres cunha longa traxectoria no ámbito educativo público dende a docencia e a orientación educativa. O noso punto de unión é, sen dúbida, a motivación para traballara a prol da atención á diversidade e da inclusión social, nesta ocasión do alumnado hospitalizado. A miña experiencia como mestra de Educación Especial á fronte dunha aula hospitalaria durante 18 anos foi o punto de partida. Os procesos de ensinanza-aprendizaxe son recíprocos e como docente aprendín moito grazas a eses menores.
Cantas persoas participan?
O deseño inicial por produtos e os contidos que se traballan son da nosa autoría e, como tal, correspondeunos traballar neles nunha primeira fase do proxecto. Con posterioridade incorporouse ao equipo Gabriel Domínguez para realizar as ilustracións. Fixo un traballo extraordinario, perseguindo, por unha banda, un de-seño gráfico válido para alumnado de diferentes idades e, por outro, cumprindo co noso desexo de procurar realismo. Os espazos do hospital Arquitecto Marcide, así como algunhas personaxes do conto, son totalmente recoñecibles. Nunha última fase do proxecto foi fundamental o traballo dos profesionais responsables da impresión, non só polos criterios estéticos finais, senón porque os materiais das aulas hospitalarias deben poder someterse a procesos de limpeza estrictos.
Que percorrido vai ter o proxecto a partir de agora?
É un material educativo que invita á participación colectiva e atravesa os muros do propio hospital para chegar a outros espazos educativos, sanitarios e sociais. O pasado venres repartíronse lotes de “O kamishibai do hospital” á Aula Hospitalaria de Ferrol, á Asociación Española Contra o Cancro, á asesoría provincial de Bibliotecas Escolares e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que é a entidade promotora do proxecto. Os materiais poderán ser consultados e solicitados en préstamo por todos aqueles centros educativos que así o requiran a través da biblioteca escolar e tamén a través das equipas de dinamización da lingua galega de cada centro.
Cando se traballa cos nenos hospitalizados, en que aspectos se incide especialmente?
En xeral, é fundamental traballar aspectos prioritarios relacionados co benestar emocional pero sen esquecer o traballo por competencias que marca o currículo. No referido a este proxecto, a secuencia de traballo é a lectura dun conto recollido en láminas –“Pílulas para un mundo mellor”– utilizando o teatriño de “O kamishibai do hospital” e o traballo de expresión no “Caderno de Gaia”, que se convertirá nun cadermo de bitácora da aula hospitalaria e recollerá novas pílulas na procura dun mundo mellor.