Esta semana habilitáronse as solicitudes para cursar calquera dos niveis de Formación Profesional, para os que a Xunta de Galicia dispuxo preto de 47.000 prazas de novo ingreso, o que supón un aumento dun 11% en comparación ao presente curso.
A presentación de solicitudes está aberta desde o pasado luns 24 de xuño até o 4 de xullo, ás 13.00 horas, tanto para as ofertas ordinaria e modular, como para a modalidade dual intensiva ou os mestrados de FP. Os interesados en matricularse para o vindeiro curso poden escoller entre 214 titulacións en total.
Entre as 17 formacións que son de nova implantación en Galicia, 11 delas ofreceranse para o período lectivo de 2024-2025 en catro concellos da zona de Ferrolterra. Estes corresponden a centros localizados en Cedeira, Ferrol, Mugardos e Pontedeume.
No caso da oferta ordinaria e modular, ademais dos másteres de FP, a listaxe provisional de solicitudes sairá o día 10 de xullo e a definitiva o 17, mentres que o período de matrícula será dende esta última data até o 22 do próximo mes. En canto á Formación Profesional dual intensiva, a listaxe provisional está prevista para o 8 de xullo, a definitiva para o día 12 e as matrículas formalizaranse do día 16 até o 24 de xullo.