O proxecto “Vixía e Actúa” desenvolvido por un equipo multidisciplinar do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi premiado o pasado xoves a nivel nacional no XXVII Congreso Nacional de Informática de la Salud, Infors@lud, que se celebrou hai uns días en Madrid.
A Sociedade Española de Informática da Saúde outorgaba o galardón ó mellor proxecto ao traballo: “Sistema Intelixente para seguimento de pacientes con Síndrome Coronaria Aguda da Área Sanitaria de Ferrol”. A responsable de Cardioloxía, Raquel Marzoa Rivas, defendía este traballo asinado xunto con integrantes da Subdirección de Tecnoloxías da Información da Área Sanitaria de Ferrol, como Javier Rey Carbón e Javier Quiles del Río, creadores da ferramenta informática que permite a detección precoz de pacientes que precisan unha intervención médica.
Coa activación deste proxecto, os pacientes que tiveran pasado unha síndrome coronaria aguda estarán aínda máis controlados, xa que se mellora o circuíto asistencial dos mesmos. Neste traballo, explicaba Raquel Marzoa, considéranse catro obxectivos principais de estudo: a autoavaliación do procesos de asistencia desta síndrome, coñecendo a situación a nivel local e determinar indicadores de situación inicial; o desenvolvemento dun sistema intelixente que permita a identificación precoz de pacientes que non teñen realizado o control de LDL-C (nivel de colesterol asociado a esta síndrome); integración deste sistema automatizado na Historia Clínica (IANUS), que permita unha intervención áxil e precoz dende os diferentes ámbitos hospitalario e primaria; e, por último, a avaliación da mellora obtida no proceso, precisan desde a Área Sanitaria.
A responsable de Cardioloxía do CHUF subliñou a importancia da implicación dos profesionais dende distintos ámbitos, tanto no centro de saúde como no hospital, ben sexa no eido sanitario, facultativo e Enfermaría así como no non sanitario, como os técnicos informáticos. De feito, constituíuse un grupo de traballo multidisciplinar para o desenvolvemento do mesmo.
O punto de partida é a alta prevaleza do infarto de miocardio nesta Área, xa que se producen entre 400 e 450 infartos ó ano; e existe o risco de que estes pacientes presenten un segundo evento cardiovascular ou falezan se o seguimento non é óptimo.
Un dos primeiros esforzos radicou en crear consultas específicas que permitisen facer un seguimento máis personalizado de acordo a complexidade de cada caso, e protocolizar, coa colaboración do Servizo de Análises Clínicas, os perfís analíticos que requirían este tipo de pacientes para o seguemento; e o seguinte esforzo, integrar ferramentas dixitais que permitan aumentar a seguridade e reducir os tempos nos distintos pasos da atención á síndrome coronaria aguda, como a que se premia a nivel nacional. Así, cando un paciente sofre un infarto de miocardio é prioritario reducir o máis axiña posible os niveis de LDL-C, un colesterol vencellado directamente con esta síndrome cardiovascular, para reducir o risco de presentar outro evento cardiovascular.
O eixo principal foi a creación e integración na historia electrónica dunha ferramenta dixital que permite a identificación precoz de pacientes con control subóptimo de LDL-C e daqueles que non realizan o control analítico no período de tempo establecido. Tamén se teñen en conta outros valores como a a Lipoproteína-A, outro tipo de colesterol “malo” que incrementa o risco de infarto e ictus. Mediante a ferramenta o médico pode facer unha intervención no tratamento sen ter que esperar a cita de seguimento presencial.
Trala activación deste sistema incluíronse 180 pacientes entre setembro de 2023 e febreiro 2024, identificándose 55 alertas.