O Sepie –Servicio Español para la Internacionalización de la Educación–, dependente do Goberno, resolveu a semana pasada os programas de curta duración do proxecto Erasmus+, que posibilita a realización de intercambios entre países europeos. A lista de entidades seleccionadas inclúe tres centros pertencentes ao concello de Ferrol.
En primeiro lugar, o IES de Catabois foi seleccionado polo seu traballo “Quercus Gallaeciae”, que o asociará ao proxecto Erasmus+ para os dous vindeiros cursos. Trátase dunha proposta que analizará o impacto da industrialización no medio ambiente en Francia, Italia e Grecia, ademais de estudar o caso de Ferrol. O financiamento que conseguen con esta proposta destinarase a un total de cinco mobilidades por países europeos, sendo a próxima a Bretaña francesa, segundo indica o xefe de estudos, Xabier Doporto.
Este centro leva máis de 15 anos participando neste tipo de iniciativas, o que posibilita nos alumnos, ademais da comprensión de ser parte dunha cultura europea, a realización de viaxes internacionais, así como fomentar o espírito crítico a través da visión doutras realidades, non só coas viaxes, e tamén coa recepción dos alumnos europeos.
No caso do IES Canido, o proxecto xirou en torno ao concepto “Zero Waste”, que significa “residuo cero”. Así pois, os alumnos traballaron con produtos biodegradables como é o exemplo da luffa, unha especie vexetal cuxos froitos se usan como esponxa. Este curso, os alumnos visitaron países como Estonia ou Suecia, por medio do proxecto Erasmus+, co que tamén levan colaborando dende hai arredor de dez anos e que os trasladará a próxima tempada a outros puntos como Romanía.
O CFR de Ferrol trátase aparte, xa que no seu caso, tal e como indica o director Manuel Losada, a colaboración esténdese até o ano 2027 e realízase para posibilitar formacións para o profesorado. A través do proxecto Erasmus+, o centro realiza sesións habitualmente, como é a vindeira a Portugal ou a acollida que farán en setembro a outros usuarios da contorna europea. Os temas máis recorrentes son os prioritarios en Galicia como o "e-learning" ou formación a distancia, a inclusión, uso das tecnoloxías ou a ensinanza de linguas estranxeiras.