Queremos Galego reivindica en Ferrol a implicación dos concellos no fomento da lingua

Queremos Galego reivindica en Ferrol a implicación dos concellos no fomento da lingua
A praza do Inferniño acolleu o acto da plataforma Queremos Galego I D.A.

“En galego, aquí e agora”. Baixo este lema desenvolveu esta mañá a plataforma Queremos Galego concentracións en diferentes cidades e localidades do país. En Ferrol, foi a praza do Inferniño o espazo elixido para conmemorar o día das Letras Galegas.

 

Unha xornada de festa mais tamén, como cada 17 de maio, de reivindicación. Desta volta, e coincidindo en plena campaña das eleccións municipais, o colectivo centrou a súa demanda en esixir das institucións, sobre todo dos concellos, “por ser os máis próximos á cidadanía”, unha maior implicación no fomento do uso do galego na vida diaria.

 

“Non é só celebrar un día, non é só facer algunha actividade cultural en galego ao longo do ano, senón que se trata de promocionalo realmente en todas as actividades e accións que se fan desde os concellos”, destacou esta mañá a voceira da plataforma en Ferrolterra, Nicolasa Castro.

 

Varios centos de persoas, moitas delas integrantes de colectivos que forman parte da plataforma, como o BNG, CIG, Coordenadora de Equipas de Normalización Linguística ou Adega, entre outras, secundaron o acto presentado por Delia Vázquez, representante da Mesa no Consello Municipal da Lingua.

 

Unha escolma de textos teatrais por parte da actriz ferrolá Helga Méndez, a regueifa das crianzas da Semente e a interpretación musical da CorRal Poliafónica do Aturuxo de Melpómene completaron unha cita na que tamén participou a Fundaçom Artábria.

Queremos Galego reivindica en Ferrol a implicación dos concellos no fomento da lingua

Te puede interesar