Ramiro Ledo | “Os cines teñen unha parte de ecoloxía mental e visual moi interesante”

Ramiro Ledo | “Os cines teñen unha parte de ecoloxía mental e visual moi interesante”
Ledo fíxose cargo da única sala de cinema da cidade en outubro de 2019 | Jorge Meis

Ramiro Ledo –Lugo, 1981– colleu os Dúplex, as únicas salas de cinema en Ferrol cidade, en outubro de 2019, afrontando un reto difícil que se complicou aínda máis coa pandemia. Malia as adversidades, resistiu e mira con optimismo o que vén por diante.

 

Que valoración fai destes xa máis catro anos, pandemia mediante? 
Juan e a familia Álvarez, quen construíron a sala a mediados dos 90, propuxéronme facerme cargo da sala. Eu daquela estaba en Numax, en Compostela, e quixen vivir a experiencia de encargarme dunha sala, de poñela en marcha. Non coñecía Ferrol moi ben e tiña unha sensación que se movía entre a mágoa de que unha cidade galega da súa importancia quedase sen sala de cine e as ganas de afrontar un reto persoal, cunha liña contemporánea e vinculada a outros cines europeos ou españois. Collino con moita ilusión e cun plan a cinco anos para que se puidera consolidar. De outubro a marzo, a resposta foi moi bonita por parte do público. Para que puidera funcionar había que triplicar a frecuentación que tiña nos últimos 10 ou 15 anos. E en marzo xa estabamos case multiplicando por 2,5. Estaba funcinando ben, con moitas liñas de colaboración distintas, tamén co tecido da cidade, e as que xa había cos centros educativos e o Concello. Ata que chegou a pandemia...

 

Que botou todo por terra...
Aínda así, durante a pandemia conseguimos manter a asistencia que había antes de chegar nós. En 2023 aumentou un 50% e logramos implementar a idea que tiñamos ao inicio. Vimos de pechar xaneiro cun 50% máis que hai un ano. A sensación é moderadamente optimista e tamén de agradecemento á xente e ao tecido asociativo, que lle vai collendo cariño como espazo cultural da comarca. 

Pódese dicir que é un proxecto consolidado? 
Poderemos dicilo de aquí a un ou dous anos, pero o camiño que estamos vendo está en sintonía coa evolución do sector.

 

De todas as iniciativas que puxo en marcha para revitalizalo, cal cre que foi a máis importante ou acertada? 
Hai varias, pero as que me fan máis ilusión son o cambio cara a unha programación máis focalizada na versión orixinal e os “Petís Dúplex”, que facemos os domingos pola mañá coa colaboración do Concello, cunha acollida que medra cada ano. E tamén os “Dúplex na escola”, cos centros de ensino da comarca.

 

O impacto das plataformas xa está amortizado? 
Os datos actuais de frecuentación din que acabamos 2023 un 20% por debaixo de 2019, que foi o ano de maior afluencia desde a dixitalización das salas. A convivencia coas plataformas vaise ordenando e, das fiestras de explotación que existen, o cine sempre foi a primeira, a prioritaria. Despois deste periodo un pouco confuso, o cine está recuperando o seu papel protagonista á hora de ser o primeiro contacto dos filmes co público, o que non quita que a irrupción das plataformas como segunda fiestra sexa moi importante para alongar a vida dos filmes –como no seu momento foron a tele e o videoclub–. Os cines ordenan dalgún xeito o traballo de selección de filmes que se estrean e axuda a eliminar a confusión que se crea moitas veces nas plataformas. Está comprobado que ás veces pasamos máis tempo mirando que ver que vendo. E logo hai que valorar as condicións nas que se ven os filmes no espazo doméstico, onde é máis difícil manter a atención. Os cines son tamén invertir en tempo para un mesmo. Teñen unha parte de ecoloxía mental e visual moi interesante. 


O custo das entradas deixou de ser unha barreira? 
Depende tamén do tipo de cine. Nós temos unha política de prezos que combina tarifas distintas por semana, posibilidade de vir ao cine todos os días por 4,5 euros, un prezo estándar de 6,60 en fin de semana...

 

Que sensación ten cando ve cinemas pechados no centro das cidades? 
Mudou tanto a oferta e o acceso á cultura coa dixitalización, os ordenadores e os móbiles, que intento evitar esa parte máis nostálxica porque tampouco ten sentido pensar nas cidades como hai trinta anos. As políticas públicas que a comezos dos 2000 se implataban en Europa non o fixeron aquí. Alí si se protexeron os cines no centro das cidades, mentres aquí aínda está por facer ese fortalecemento das salas de exhibición máis locais. Débese apostar por iso. Son lugares de intercambio e encontro, e reflexo do lugar no que se emprazan. Nós facemos unha programación cunha liña clara, pero heteroxénea. Temos, por exemplo, os “Dúplex con...”, coa que unha vez ao mes nos poñemos a disposición das entidades sociais para que presenten un filme. A min paréceme moi interesante porque dinamiza as cidades e hoxe Ferrol ten un cine destas características que, por exemplo, xa non ten A Coruña. É un luxo. 

Ramiro Ledo | “Os cines teñen unha parte de ecoloxía mental e visual moi interesante”

Te puede interesar