A Rede Galega da Promoción da Saúde ferrolá achegouse aos maiores de Ares

As responsables da oficina local ensinaron a septuaxenarios da vila a aproveitar a plataforma dixital da rede
A Rede Galega da Promoción da Saúde ferrolá achegouse aos maiores de Ares
Unhas das profesionais da oficina situada no Hosital Naval impartindo unha charla en Ares ASF

A delegación local da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) achegouse esta semana á poboación maior de 70 anos do concello de Ares para dar conta dos recursos dos que poden botar man para fomentar a saúde e os hábitos saudables. 


Como ben se lembrará, Regaps é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se crea a raíz do Plan Obesidade Zero en Galicia, coa fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación. Así, desenvolven diversas actividades ao longo do ano e esta foi unha delas.
Estiveron nas últimas horas con tres grupos de maiores de 70 anos dos ámbitos rurais e urbanos xa formados no eido tecnolóxico do Concello de Ares para amosarlles as distintas ferramentas gratuítas coas que conta a Consellería de Sanidade para o fomento de hábitos saudables, como usalas, resolver dúbidas e vivir unha experiencia coas gafas de realidade virtual e o aplicativo “EnMovemento”. Afondaron en dúas plataformas fundamentais: “Xanela Aberta á Familia”, que conta con recursos prácticos como a “Axenda Saudable” ou “Sanidade Mediaverso” e o aplicativo “Atopa Saúde”, entre outros.

 


Benestar e alimentación 
 

Dende estes espazos promóvese a saúde a través das novas tecnoloxías e se pon a disposición da cidadanía solucións dixitais divididas en catro grandes bloques: para a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional, así como a prevención das condutas aditivas. 
Con esta plataforma tecnolóxica, a Xunta promove estilos de vida saudables entre a poboación galega, e pon ao seu alcance recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, dun xeito integral, e para tódalas idades, como amosaron desta volta aos veciños de Ares.


O espazo web ofrece menús equilibrados para oito semanas, achegando tamén a lista da compra necesaria así como as receitas para elaborar cadanseu menú; aplicacións móbiles para facer exercicio; vídeos con exemplos para realizar de xeito individual ou coa familia ou aplicación de realidade virtual son algunhas das alternativas que ofrece este espazo interactivo no que tamén se poden facer formacións e ver vídeos divulgativos con consellos sobre a práctica do exercicio físico. No eido do benestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono, achega diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estrés, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada.


Por último, sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo, inclúe unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde.
“Atopa Saúde”, pola súa banda, é un aplicativo web de recente creación dispoñible con tódolos recursos presentes para normalizalos e visualizalos. 


Desde a Área Sanitaria lembran que a devandita Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) está formada por un grupo de traballo multidisciplinar cuxa unidade de coordinación se sitúa na Consellería de Sanidade, e conta cun equipo de responsables que se distribúe polas sete áreas sanitarias. Entre os seus obxectivos figuran o xeral de promover estilos de vida saudables na poboación galega; e tamén establecer un nexo de unión entre os actores implicados na promoción da saúde no ámbito local; analizar a situación de cada territorio para optimizar os recursos existentes e implementar outros que sexan necesarios; potenciar a promoción da saúde no ámbito sanitario; desenvolver as liñas estratéxicas do Plan Obesidade Zero en Galicia; ou capacitar ós axentes sociais para que se convertan en promotores da saúde.


As profesionais da Área sanitaria de Ferrol, a terapeuta ocupacional, Sofía Puente; e a traballadora social, Cruz Fernández, emprazadas no andar 0, do Hospital Naval, están a realizar diversas actividades ó longo do ano, como a desta semana no Concello de Ares. Encárganse de establecer contactos cos diferentes axentes locais (centros de saúde, educativos, e sociosanitarios ou asociacións e clubes deportivos, entre outros) de cada municipio para tecer redes, favorecer que se coordinen para iniciativas comúns de promoción da saúde, e recoñecer o traballo que xa realizan ó darlle visibilidade, e estanse a incluír no boletín, “Venres saudable”, que chega a tódolos profesionais do Sergas cada primeiro venres de mes. 

A Rede Galega da Promoción da Saúde ferrolá achegouse aos maiores de Ares

Te puede interesar