O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, firmou onte a renovación do convenio de colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.
Con este acordo cubriranse obradoiros –destinados a 150 persoas– que reforzan as áreas psicolóxica, física e social “a través dun programa estruturado e personalizado de intervención de ocio e tempo libre, partindo de actividades formativas, recreativas e de benestar psicofísico”, explicaron dende a asociación.
Isabel Estevan, presidenta do organismo, lembrou que o acordo “facilita que poidamos realizar todos os labores. Temos moitos servizos gratuítos e sen a axuda das institucións e neste caso, do Concello, serían imposibles de levar a cabo”. Estas actividades están deseñadas para axudar aos asistentes a procesar a dor emocial e aprender a nova realidade.
Dende o Concello recordaron a importancia que ten esta entidade, xa que “é fundamental que os pacientes e as súas familias atopen a axuda que precisan nesta etapa que teñen que afrontar xuntos, e aquí o conseguen con recursos que ofrece a AECC”.
A agrupación destaca pola gran participación dos seus voluntarios e cabe recordar que na súa páxina web hai todo tipo de información relativa ás actuais campañas nas que se pode colaborar. Na cidade hai activas tres opcións de voluntariado, un de apoio a pacientes no que se fai atención e acompañamento psicosocial, outro de recadación de fondos con campañas puntuais ao longo do ano e, por último, “Carrito Don Amable” no que se ofrecen servicios aos pacientes do Hospital Naval.