Reportaxe | Bernardo García Cendán, “o cura do Muelle”

Reportaxe | Bernardo García Cendán, “o cura do Muelle”
Bernardo Gacía

Bernardo García Cendán naceu en Vilalba o 11 de abril de 1941 e finou o 12 de xuño de 2012. Realizou estudos eclesiásticos en Mondoñedo, licenciouse en Filosofía na Universidade Católica de París e na Pontificia de Salamanca e en Socioloxía na Universidade de París. Foi profesor no Seminario de Mondoñedo. Posteriormente, desde 1973 foi párroco da nosa Señora do Socorro de Ferrol até o ano 1987. Simultaneamente foi profesor da Escola de Relacións Industriais de Ferrol (antes Graduado Social). Desde 1987, con residencia en Vilalba,  exercía como profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. 


Durante a súa estancia en Ferrol, participou activamente na vida sociocultural da cidade colaborando na fundación de institucións como o Ateneo Ferrolán ou Asfedro para asistencia da drogadicción. Tamén foi membro fundador da revista “Encrucillada” e da asociación “Irimia”. É coautor do libro Meudon, une approche pastorale (París, 1970) e do libro Catolicismo en España (I.S.A. Madrid, 1985). É autor do capítulo “Ferrol, estrutura e identidade” (en O Feito diferencial galego, tomo III, editada polo Museo do Pobo Galego, 1991). Colaborou con artigos en prensa, pero especialmente en diferentes revistas como a citada “Encrucillada”, “Lucensia”, “Guía dos Libros Novos”, “Tempos Novos”, “Irimia”, etc. Compuxo textos para cantos litúrxicos, así como outros que foron musicados por Miguel Varela e grupos folk como Fuxan os Ventos ou Saraibas.

 

Talante xeneroso e solidario
Do seu paso pola nosa cidade, o profesor e escritor García Cendán deixou sobradas mostras do seu talante xeneroso e solidario, preocupado sempre polos problemas dos máis necesitados, labor pastoral que conxugou con outras actividades de carácter docente, ademais de actuar en numerosas ocasións como conferenciante e exercer un compromiso leal co mundo intelectual co que estaba en permanente contacto. O 12 de abril de 2013, na igrexa do Socorro, ao pé mesmo do Cristo dos Navegantes, un nutrido grupo de cidadáns renderon memoria ao sociólogo e excura da parroquia mencionada.

 

Homenaxe póstuma
Como reza nas informacións de Diario de Ferrol, un dos intervintes neste acto, organizado polo crego Xaquín Campo Freire, foi o firmante desta reportaxe, que actuou como compañeiro nas aulas mindonienses.


Nesta ocasión, fixen unha visión crítica: “Eran os anos cincuenta, tempos de Concordato e Franco baixo palio. A formación que recibiamos era absolutamente integrista, aínda que no plano humanístico, aproveitable nalgúns valores como o fomento do pensamento crítico coa inxustiza social, o sentimento solidario e o respecto á persoa como eixo de convivencia”.


Sociólogos, como Xosé Leira (xa falecido), historiadores como Bernardo Máiz, veteranos compañeiros de sacerdocio, membros da revista Encrucillada, editora do libro Unha alborada nova, todos amigos de García Cendán, un home que transmitía paz e serenidade.

 Como dixo a doutora Carmen Solloso, que o tratou na súa enfermidade, era imposible, con aquel carácter doce e apracible, non caer nas redes da súa amizade. Permanecerá na memoria colectiva de Ferrol, a súa cidade de adopción. 


Hoxe o nome de Bernardo García Cendán quedará inscrito nunha praza de Ferrol Vello. Será no acto previsto para ás 18.00 horas, na confluencia da rúa Espartero co Paseo da Mariña. Posteriormente, no local da asociación de veciños e veciñas, compartiranse uns pinchos e conversas arredor da súa figura. 

Reportaxe | Bernardo García Cendán, “o cura do Muelle”

Te puede interesar