O xefe de sección de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Diego Bellido Guerrero, foi elixido esta mañá presidente da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO).
Foi nomeado no transcurso da Asamblea do XX Congreso Nacional desta sociedade científica, que se está a celebrar no Palacio de Congresos e Exposicións, en Santiago de Compostela, desde o día 27 a ata a xornada de hoxe.
A Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO) é unha sociedade científica multidisciplinar centrada no estudo, divulgación, formación dos profesionais da saúde, prevención e tratamento de todos os aspectos relevantes relacionados cos problemas de exceso de peso. Unha entidade altamente implicada no ámbito científico nacional e internacional que colaborou en numerosas iniciativas de prevención e tratamento das administracións de saúde pública.
No marco deste encontro, o especialista Diego Bellido recibiu tamén unha distinción por parte dos seus compañeiros, o premio Basilio Moreno, un recoñecemento, como indican na propia sociedade, que “destaca a súa contribución como membro da SEEDO para o avance deste entidade”.
Xunto con isto, desde a Área Sanitaria de Ferrol destacan tamén, que neste foro científico especializado, este endocrinólogo presentou o libro do que é autor: "Valoración Morfofuncional da Enfermidade Crónica Adiposa (EMCA)". Nesta publicación, destaca que, na actualidade, a obesidade enténdese como un estado patolóxico ocasionado por un exceso de graxa corporal, o que infraestima a multidimensionalidade do problema.
O concepto de Enfermidade Metabólica Crónica Adiposa responde mellor á necesidade de definir a obesidade como unha enfermidade complexa, heteroxénea, crónica, e dispar na súa fisiopatoloxía, progresión e resposta ás distintas estratexias terapéuticas empregadas.
Os puntos clave desta publicación son que aborda a obesidade dende unha perspectiva multidimensional e aúna metodoloxías de biomarcadores, imaxe, composición corporal e funcionalidade, tanto da graxa corporal como da masa muscular. Ofrece unha visión e ferramentas para abordar a EMCA como subxacente en patoloxías crónicas que se abordan na clínica diaria. E pretende optimizar a metodoloxía, definir puntos de corte e incorporar evidencias nas guías de práctica clínicas.
O libro do que é autora, indica o propio Bellido, “está dirixido a médicos especialistas e en formación con interese na área da diabetes e metabolismo, e para todos os que vexan a adiposidade máis ala dun simple exceso de peso”.
Lembrar que Galicia conta cun Plan de Obesidade Zero é o resultado do consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais para a prevención do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, cun prazo de execución dende o pasado ano 2022 ó ano 2030. Pártese de que o 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas. Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. Estas cifras dan conta de que a metade da poboación galega ten algún problema de obesidade ou de sobrepeso coa incidencia que esta patoloxía ten na saúde, xa que "son factores de risco para enfermidades crónicas e algúns tipos de cancro".
O Plan céntrase nunha meta: reducir con distintas medidas a prevaleza do sobrepeso en Galicia progresivamente, un 5% no 2025, e ata un 15% no 2030. Este plan ten tres eixos, con 11 obxectivos e 41 accións para chegar a esa meta. O primeiro dos eixos é potenciar as contornas promotoras da saúde en tódolos ámbitos, sanitario, laboral, escolar e social. O segundo dos eixos é capacitar na toma de decisión máis saudables, e isto é, explican, favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; capacitar no ámbito sanitario e educativo; e formar a outros colectivos profesionais relacionados. O terceiro e último dos eixos é investigar e innovar na promoción de saúde, desenvolvendo a rede de investigación en promoción da saúde, innovando continuamente e desenvolvendo un sistema de vixilancia para o sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco.