Esta semana saíu á luz un novo número da revista Atenea, que publica o Ateneo Ferrolán, coa intención de divulgar temas variados e de proximidade. O exemplar, que está dispoñible no repositorio dixital, contempla os escritos de cinco autores.
O contido do número 56 comeza cun limiar a cargo de Xabier M. Dongil, que precede á análise realizada por Francisco Oti Ríos acerca do desaparecido grupo teatral que naceu durante o franquismo no que hoxe é o instituto Concepción Arenal, coñecido daquela como “masculino”.
Trátase do capítulo “Teatro estudio de Ferrol. A residencia teatral nos anos sesenta”, que dá paso ao que expón Sonia Mauriz Pereira baixo o título “Ser botín é máis común que ser ‘La Botín’”. “Os lavadoiros e fontes de Cervás e Chanteiro, un paseo pola lenda e a historia” constitúe a seguinte novidade, que foi artellada por Merchi Margareto Noya.
Para rematar, María Monserrat Barrio, coa súa peza “Ferrol ilustrado”, pon fin ao que se accede co enlace https://archive.org/details/atenea/2024_num56.pdf. Esta revista comezou a publicarse o 1 de outubro de 1999 até converterse nun referente das publicacións en galego, entre outros aspectos, pola gran cantidade de colaboradores.