Cando un se adica á arqueoloxía non espera que o convoquen para dar o pregón de ningún evento, aínda que sexa o director da excavación do castro local.
Nión asume entre risas que “non contaba con ser pregoeiro na vida, non adoitan chamar arqueólogos para estas cousas”. Cando lle chegou a proposta a súa resposta foi instantánea “por que eu?”, mais os Esmelle non dubidaron en elixilo. Mirando de reollo ao día de onte, agora si, asume que foi “unha honra e un gusto”.
El, que é de Camariñas, estreouse este ano nesta festa e aínda que xa vivira outras romarías grazas a súa faceta de músico, asume que a de Esmelle ten un brillo especial. “Todo o pobo está presente, celebran o propio dunha maneira moi sentida e desfrutada”, expón.
O explorador nunca estivera na zona e cando chegou por primeira vez notou o cariño que os de Esmelle teñen polo propio. “Viven moito o seu patrimonio e a súa herdanza. É xente moi activa, nótase no evento a profesionalización que supoñen as máis de vinte edicións que levan ás costas pero, sen dúbida, o que máis se pode apreciar cando un vén de fóra é o gusto que lle poñen. Cando algo se fai con tantas ganas, nótase”, explicaba o arqueólogo, que despois desta data non dubida en repetir.
O científico non ten máis que eloxios, tanto para a festividade en si como para o pobo que o acolleu coma un máis durante os traballos no castro –que comezaron no verán do pasado ano e remataron este mes coa identificación da entrada ao recinto, o sistema defensivo e o descobremento dun edificio de considerables dimensións que van máis aló do uso doméstico–.
“Hai un cariño polo patrimonio fóra do habitual”, comenta Nión. Con esto non quere dicir que noutras localidades exista un desprestixio pola herdanza, se non que busca poñer en valor o gran cariño que senten os locais pola súa zona arqueolóxica.
“Valoran o noso traballo máis aló da propia escavación”, comenta. A presenza do castro dentro da vida do pobo é “continua” –a diferencia da estacionalidade do proxecto– o que revaloriza aínda máis, se cabe, o orgullo do termo municipal. “Ten un lugar especial no día a día. É un habitante máis”, explica.
Nión, asimismo, non dúbida en darlles aos veciños o recoñecemento que merecen e recalca que sen eles “non se tería feito”. Son unha parte máis do engranaxe que fixo posible que o proxecto tivera éxito e que os arqueólogos saíran tan contentos. “Ademais das visitas programadas, que tiveron moitísima acollida, os locais tiveron moita presenza dentro do proceso. Falaban entre eles dos avances e a súa afluencia pola contorna era continua”, agradecía Nión.
Esta cita foi o punto final do programa do “Verán cultural” –no que se levan facendo actividades durante todo o mes– contou coa típica comida castrexa, un mercadillo, actuacións musicais en directo e a representación castrexa dos veciños e Oenach Atlántico