Rosalía de Castro dialoga co espectador no filme producido pola cabanesa Anxos García

Rosalía de Castro dialoga co espectador no filme producido pola cabanesa Anxos García
A actriz Alba López, a guionista Anxos García eo director David Vázquez, na rodaxe

O municipio de Chantada, en Lugo, acollía o pasado mes de febreiro a estrea da curtametraxe “A rosa incandescente”, unha peza na que a gran Rosalía de Castro cobra vida da man da actriz Alba López para establecer un diálogo directo co espectador e achegalo así a algúns dos aspectos fundamentais da suá vida e obra.

A curta, dirixida por David Vázquez e rodada na súa meirande parte no pazo lugués de Sabadelle e a súa contorna, foi producida por Anxos García Fonte, natural de Cabanas e profesora de Lingua e Literatura Galega no IES Breamo de Pontedeume. “É un experimento comunicativo no que Rosalía de Castro fala co espectador e móstrase a si mesma nunha conversa moi franca e moi aberta”.

Explica que “fala da súa obra, do seu tempo, trátanse varios aspectos a través da lectura de textos rosalianos e tamén vaise presentando, a través das imaxes, unha perspectiva nova para achegarse á súa figura”. A paixón da escritora galega pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo ou as dificultades que tivo que enfrontar por ser muller e escritora van fiando un traballo audiovisual do que esta tarde poderá gozar o público interesado na proxección prevista para as 20.00 horas na Casa da Cultura de Pontedeume, nunha sesión organizada polo Ateneo “Fernán Martís”.



Idea


Foi hai dous anos, durante o peche provocado pola pandemia, cando García Fonte comezou a escribir o guión do proxecto. “Eu, como profesora, sempre busco a mellor maneira de comunicar, de achegarlle estes contidos da arte literaria aos meus alumnos e alumnas. Entón empecei a darlle voltas ao tema e formular cuestións como que ten Rosalía de Castro que non teñen os demais, que tiña ela que se mostra tan decidida a facer unha carreira literaria cando verdadeiramente, no seu ambiente e na súa época, tiña todo en contra e, sen embargo, conseguiuno”, di a profesora.

“A miña ilusión é que a xente que vaia ver a película saia desa visualización reforzada, cun sorriso, e tamén cunha reflexión, sentíndose parte de algo”, comenta a creadora do traballo, quen percibe “unha pobreza preocupante de materiais audiovisuais de uso didáctico nos centros de ensino”.

Precisamente pensando nas aulas elaborou tamén a profesora Anxos García, neste caso xunto á tamén docente no centro eumés Glafira Fernández-Campoamor, o proxecto “Encanta se ri, conmove se chora”, paralelo á curta “A rosa incandescente”. Trátase dunha proposta tamén dedicada a Rosalía de Castro que consta de dous formatos: un libro, dirixido ao profesorado, e un dixital para os rapaces que pode ser consultado de xeito gratuíto e que inclúe diferentes actividades interactivas (www.arosaincandescente.gal). “Aproveitando todo ese marabilloso material audiovisual da curta, decidimos darlle unha volta a todos estes aspectos que nos parecen fundamentais da obra de Rosalía de Castro e a súa figura, xogando un pouco coas imaxes, os diálogos, coas cousas que aparecen na curtametraxe”, explica García Fonte. Unha curta que hoxe continúa co seu periplo de presentacións coa cita prevista no municipio eumés. 

Rosalía de Castro dialoga co espectador no filme producido pola cabanesa Anxos García

Te puede interesar