A “saqueta emocional” deseñada en Ferrol chega a outras catro aulas hospitalarias

A “saqueta emocional” deseñada en Ferrol chega a outras catro aulas hospitalarias
Martina Aneiros participou no reparto das "saquetas" á totalidade das aulas hospitalarias galegas I Cedida

A “saqueta emocional”, un material deseñado polas mestras das aulas hospitalarias de Ferrol, Lugo e Ourense e por alumnado do CIFP Leixa para facer máis doado o paso polo hospital aos máis pequenos esténdese agora tamén aos  hospitais da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros; a directora do centro de Formación Profesional, Ana Roel; e o xerente da Área Sanitaria ferrolá, Ángel Facio; participaron onte na entrega deste material á totalidade das áreas galegas, nas instalacións do CIFP de Leixa.


A “saqueta” inclúe xogos e actividades para pacientes entre os tres e os 16 anos. Conta cun portafolio, “Educación a esgalla”, a través do cal os nenos poden falar do que senten durante o proceso. No “Mantil sentimental” pegan as distintas emocións e especifican como se senten cada día. O “Labirinto das emocións” permítelles transitar polas situacións coas que se atopan ao longo da súa estadía hospitalaria e o “Diccionario hospitalario estrafalario” achégaos a conceptos e vocabulario relacionado co hospital. Tamén contan cos ”Dados hospitalarios” e co “Dominó do hospital”, xogos para traballar os seus sentimentos e a súa relación coa enfermidade, o malestar e as súas vivencias no hospital. Estas ferramentas atenden ademais á diversidade dos rapaces, fomentan o uso da lingua galega e contemplan a igualdade de xénero.
 

Na súa elaboración participaron as mestras das aulas hospitalarias do CHUF, Pilar Porta; HULA, Margarita Agruña; e CHOU, Montserrat Otero. Aportaron as necesidades, ferramentas e obxectivos didácticos e a xefa do departamento de Artes Gráficas do Leixa, María Salas, deseñou o material cos seus alumnos.


Aneiros felicitou aos creadores deste material, así como ao Centro de Formación e Recursos de Ferrol, que respaldou un proxecto que nas tres áreas impulsoras empezou a funcionar en maio de 2021. "Resultou unha ferramenta de atención á diversidade moi valiosa e da que estou segura non só se poden beneficiar as aulas hospitalarias, como xa o están a facer, senón tamén os departamentos de orientación de todos os centros educativos, promovendo o uso da lingua galega nas idades máis temperás e no ámbito familiar", destacou a delegada territorial.

A “saqueta emocional” deseñada en Ferrol chega a outras catro aulas hospitalarias

Te puede interesar