Serxio Rodríguez: “Cómpre reler os nosos pensadores desde un ollar político”

Presenta ás 19.30 horas na Central Librera de Dolores “O pensamento político de Ramón Piñeiro”
Serxio Rodríguez: “Cómpre reler os nosos pensadores desde un ollar político”
O historiador, nunha presentación anterior I Cedida

Co obxectivo de “sistematizar o pensamento político de Ramón Piñeiro” encetou o ourensán Serxio María Rodríguez o ensaio que publica Galaxia e que hoxe presenta na Central Librera da rúa Dolores ás 19.30 horas. “A idea é condensalo porque foi un autor que non produciu unha ou varias obras nas que claramente desenvolva o seu pensamento político, senón que o vai aportando en prensa, revistas, ensaios breves, miscelánea...”. Tan importante como reunilo, engade, “é poñelo en contexto, explicalo e facer unha inferencia desde o ámbito da ciencia política e da historia”. 


As ideas políticas de Piñeiro e a súa influencia na sociedade do seu tempo e posterior foron sempre debatidas e controvertidas e suscitaron adhesións inquebrantables e tamén detractores. Cal era o seu pensamento? “Como galeguista”, explica o autor, “ten por obxecto dotar ao país de autogoberno, dunha autonomía integral, e cre nun cambio estratéxico con respecto á Xeración Nós, que é a gran xeración política precedente. Cre que a estratexia ten que mudar (novos tempos, novas estratexias), que a vella táctica de concentración das forzas políticas en torno ao Partido Galeguista xa non é viable e que os tempos requiren un exercicio de pluralismo para captar os segmentos que xa están ideoloxizados e ideoloxizar aqueloutros que todavía non o están”. 


Nese sentido, Serxio Rodríguez apunta que Piñeiro “cría que Galicia é un país europeo e que se ten que integrar de cheo no vento da historia daquel momento, na economía social de mercado, nas democracias liberais, na Unión Europea e, para logralo, é necesario dotar a Galicia dun sistema político homólogo ao das outras democracias europeas, é dicir, unha democracia cristiá, un liberalismo, unha socialdemocracia... Todas elas galeguistas, nacionalistas”, recalca. 


A influencia ou permeabilidade do galeguismo nos partidos estatais do país tamén se atribúe a Piñeiro, aínda que Rodríguez considera esta posición “unha simplificación de algo moito máis complexo que comeza antes”, en concreto, durante a II República con figuras como Javier Ruiz del Castillo que apuntan na dirección de rexionalizar a dereita galega”. 


Aínda así, o historiador recoñece que Ramón Piñeiro “xerou un ideosistema que lle facilitou á dereita consolidar ese rexionalismo de oportunidade e quen acaba herdando boa parte do arsenal dialéctico da xeración Galaxia foi o fraguismo, pero tamén o PSOE, que absorbeu parte dese imaxinario”. 
Porén, precisa, “o que lle tivera gustado a Piñeiro non é unha galeguización dos partidos españois, senón a consolidación de forzas galegas homólogas ás españolas ou europeas: un Partido Socialista Galego, un Partido Popular Galego, un Partido Liberal Galego, un Partido Comunista Galego...”. 

Con respecto ás diferenzas no seo do nacionalismo e as críticas á súa figura, Rodríguez asegura que “como historiador correspóndeme ser rigoroso na utilización dos termos, e teño que dicir que Piñeiro era nacionalista, pero o nacionalismo de Piñeiro era distinto ao nacioalismo marxista dos 60 da UPG e logo do PSG de Beiras”. Considera máis “inxusto” o feito de “someter ao esquecemento a un pensador de primeira liña que pode estar á mesma altura que Joan Fuster, Josep Benet, Josep Pallach ou Jordi Pujol”. 
Por iso cre Serxio Rodríguez que “é necesario volver reler os nosos pensadores desde un ollar político, como Risco, Piñeiro, Castelao, Quintanilla e mesmo dos que non foron nacionalisas como Ruiz del Castillo”. 

Serxio Rodríguez: “Cómpre reler os nosos pensadores desde un ollar político”

Te puede interesar